O creador reflexiona sobre o vínculo entre a arte e poesía na conferencia "Os ollos das palabras. Libros de poesía para ver" O escritor e artista Baldo Ramos intervén no contexto da mostra de artes plásticas Outonarte, aberta ao público en varias salas de exposicións e espazos públicos da cidade coruñesa durante o mes de setembro.
Neste encontro, que se realizará na Sala de exposicións de Palexco ás 19:30, Ramos falará dos seus libros de artista, do diálogo que establece dende hai anos entre as palabras e as imaxes, reflexionará sobre as coordenadas que rexen o seu traballo creativo e dará a coñecer algúns exemplares únicos dos seus libros de artista, describindo o seu proceso de creación e analizando a finalidade para a que nacen.