Dossiers

Día de Rosalía

Cando era tempo de inverno


A palabra, a identidade

13-02-2007 Rosa Aneiros é xornalista e autora das obras narrativas Resistencia, Veu visitarme o mar, Eu de maior quero ser e Corazóns amolecidos en salitre. Na súa produción literaria e xornalística conflúen obsesivamente a emigración e a muller.
Al haberse cumplido el duodécimo aniversario de que su lira dejó de sonar en los anales de la poesía gallega, á más de cumplir con un deber que impone la admiración y el respeto al Genio, nos consideramos doblemente obligados por ostentar nuestro semanario el mismo título de una de sus obras inmortales y también, para recordar á todo hijo de Galicia la obligación que tiene de consagrar en ese día un recuerdo á la esclarecida gallega que tan magistralmente supo expresar el dolor intenso que sufre el gallego al ausentarse de la tierra que le vió nacer".

Quen así fala é a cabeceira Follas Novas, na presentación do seu número 7, editado na Habana en xullo de 1897. Esta publicación periódica naceu para dar información aos emigrados galegos da illa caribeña, primeiro dende a redacción de Amargura, 32 e, ao final, dende Ánimas, 45. As localizacións físicas sinalan, ás veces, lugares inequívocos da alma. A identidade constrúese a través do que somos pero tamén do que cremos que somos e do que degoiramos ser. A bandeira galega nace dun recordo instalado na retina da última imaxe que os emigrantes tiñan do peirao da Coruña. Iso era Galicia. Como Galicia era a edición de Follas Novas na Habana en 1880 e a interpretación de 'Negra Sombra', con música de Xoán Montes, no Gran Teatro da Habana en 1892.

Galicia como espazo simbólico sería difícil de entender xa sen Rosalía. Como tamén a comprensión de Rosalía fica eivada se ignoramos a Galicia de alenmar. Para os que marcharon, Rosalía foi o país enteiro. Non un recordo ou unha faísca de saudade. Para eles, Rosalía era a memoria, a infancia, a patria. O pai e máis a nai ausentes. Ela foi o youtube, o flickr, os sms, o correo electrónico, a videochamada. E ler, ou escoitar ler en moitos casos, a Rosalía foi regresar a ese lugar que só habitaba xa nas súas mentes. "Adiós vistas dos meus ollos, non sei cando nos veremos". Grazas á poeta, os ollos xa cegos volveron apalpar o espazo que abandonaran o día que a fame os botou polo mundo adiante. Grazas á palabra, existiu a identidade.

Imprimir


Comentarios ()


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |