Dossiers

Día de Rosalía

Cando era tempo de inverno


Rosalía na rede

12-02-2007 Compilamos a seguir un pequeno feixe de recursos dixitais para unha achega a Rosalía que hoxe recorre ao audiovisual de maneira preferente. Neles temos acceso á obra case no seu conxunto, completa de centrármonos na súa produción en galego, arrequentada con galerías fotográficas, imaxes, poemas recitados ou diversos documentos que acoutan o período histórico en que viviu.
Fundación Rosalía de Castro
Sitio web da Fundación Rosalía de Castro. Mentres escoitamos un fragmento de Rosalía de Castro en tres tempos, música composta por Rodrigo Romaní, temos á man unha biografía da autora, unha breve escolma de textos, unha galería de fotos da Casa Museo, a ruta rosaliana acompañada dun poema recomendado segundo o lugar que se visita, aplicacións didácticas e un formulario para adquirir as obras que, da poeta ou sobre ela, teñen editadas.

Álbum de mulleres de culturagalega.org
Presenta unha ficha biobibliográfica elaborada por Dolores Vilavedra, así como unha recolleita de recursos textuais, visuais, sonoros e de ligazóns que compoñen un mosaico de extensión moi abranguíbel e potencial riqueza informativa para unha primeira achega á autora desde o ámbito educativo.

Biblioteca Virtual Galega
Contén a totalidade da obra galega que chegou até nós: o Conto gallego, no caso de Follas Novas o texto e a imaxe íntegra da primeira edición realizada en Madrid e na Habana, así como arquivos sonoros cunha escolma recitada, e en Cantares gallegos tamén o texto e a imaxe completa dunha edición feita en Madrid nos anos 50.

Autores galegos
Nesta web que informa de autores, neste caso non unicamente de creación literaria, tamén do mundo das artes e das ciencias, a ficha dedicada a Rosalía compila un número salientábel de recursos dixitais, o que a converte nunha listaxe de ligazóns completa, que nos abren a porta cara a outros aquí mencionados.

Galipedia
A web deste proxecto comunal contén como utilidade sobranceira o recurso hipertextual, isto é, facilita a contextualización por medio de ligazóns ao período histórico e ás correntes estéticas e de pensamento en que Rosalía se insire.

Cervantes virtual
O Cervantes Virtual compila un número cumprido de recurso de diverso tipo, desde textuais (obra da autora ou artigos especializados) até audiovisuais (os vídeos en que Marina Mayoral lle pon voz a algúns dos seus poemas máis coñecidos). Céntrase fundamentalmente na creación en castelán mais contén tamén referencias e recursos sobre a obra galega.

17demaio
Na web que a Consellería de Cultura e Deporte dedica ao Día das Letras Galegas, a primeira ficha, a do 1963, aniversario da publicación de Cantares gallegos, está dedicada á autora que se escolle tamén como referente para iniciar esta xornada de festexo da creación literaria. Contén unha recensión biobibliográfica e ligazóns á obra galega.

Imprimir


Comentarios ()


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |