Dossiers

Día de Rosalía

Cando era tempo de inverno


Rosalía de Castro e María Mariño

11-02-2007 A escritora e profesora lucense Carmen Blanco é poeta, nar radora e ensaísta. En Vermella con lobos (2004) reúne contos libertarios. Como ensaísta tratou o tema feminista en Mulleres e independencia (1995) ou O contradiscurso das mulleres (1995) e o tema literario en Literatura galega da muller (1991) e Sexo e lugar (2006), obras en que fai unhas interpretacións renovadoras de Rosalía de Castro e María Mariño.
Rosalía de Castro e María Mariño son autoras moi distintas mais é posible ver nelas profundas afinidades. Rosalía foi unha escritora de orixe fidalga, vencellada desde nova á intelectualidade galega e integrada na vangarda posrománticosimbolista da segunda metade do XIX: iniciadora e consolidadora poética do Rexurdimento con Cantares gallegos (1863) e Follas novas (1880); pioneira da prosa galega; avanzada da poesía, da narrativa e do ensaio casteláns; e intelectual progresista, galeguista e feminista. A súa poesía galega achegou unha profunda voz de muller universalizadora dun saber étnico, íntimo, existencial, filosófico e social nunha innovadora linguaxe popular, coloquial, clara e sinxela.

María Mariño foi unha escritora de orixe humilde que traballou desde moza como costureira ata que casou co mestre Roberto Posse Carballido. En 1947 vai vivir a Parada do Courel, onde inicia a súa amizade co poeta Uxío Novoneyra que a levará a escribir en galego e a relacionarse cun pequeno número de intelectuais. Os seus dous poemarios galegos, Palabra no Tempo (1963) e Verba que comenza (1990, 1994, escrito entre 1966 e1967), fan dela unha persoal poeta da posguerra dos cincuenta e dos sesenta que achega unha voz de muller popular galaica cantora dunha extrema experiencia mística intimista, sensorial, agónica e aberta á materialidade da natureza que manda no eu dela e sobre a que manda El Señor. Así crea un misterioso mundo luminosamente escuro mediante unha linguaxe rupturista que expresa a súa inefabilidade.

Máis alá do feito de que María Mariño lese a Rosalía e reproduza certos ecos rosalianos (os motivos do tecer, da noite, da sombra ou das campás), se nos fixamos na súa biografía, na súa cultura e no seu status de escritoras atopamos nelas unha fonda comunidade que non é allea ao feito de ser mulleres. En primeiro lugar comparten un profundo coñecemento vivencial da cultura popular galaica que levan á obra, Rosalía por terse criado na aldea do Castro de Ortoño e María pola súa procedencia humilde e o seu oficio de costureira. Isto, unido á súa educación no contexto da subcultura feminina, deulles unha grande competencia lingüística oral de faladoras e contadoras e un profundo coñecemento da vida privada que as levou á renovación da lingua poética coa utilización dun código informalista cheo de popularismos, dialectalismos e coloquialismos, propios da real lingua falada polas mulleres e polas clases populares. Esta liberdade lingüística foi a que levou a Rosalía á innovación retórica e métrica e a María a dinamitar o sistema da lingua para expresar ambas o que sentían e sabían, que non fora nunca dito.

En segundo lugar, ambas contaron con dous mestres e mentores que as asesoraron, que as introduciron no mundo literario e que foron os seus primeiros e uns dos seus mellores críticos e propagandistas: Manuel Murguía, líder rexionalista e marido de Rosalía; e Uxío Novoneyra, o poeta do Courel e da liberdade.

En terceiro lugar ambas se apartan do androcentrismo e do logocentrismo patriarcais no pracer da disolución mística (ocasional en Rosalía e omnipresente en María), ao igual que no feminismo rosaliano e na voz subversiva da nena que fala mariñá, e así como na liberdade antisistema que as inspira.

E en cuarto lugar, as dúas comparten unha temática centrada na saudade, na dor, no tempo e na morte. E participan tamén da vivencia amparadora da natureza, do canto do amor materno e da vida pobre, da apertura na conceptuación do suxeito (feminino) e do tema da propia escritura.

Por moitas destas cousas Novoneyra dixo de María Mariño que era "a nova Rosalía". Non lle faltaban razóns, mais isto tamén foi dito doutras poetas.

Imprimir


Comentarios ()


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |