Dossiers

Biblioteca Ánxel Casal

Ánxel Casal, a biblioteca de Compostela


27-03-2008

A nova Biblioteca Pública Ánxel Casal inaugúrase o venres 28 de marzo ás 19.30 horas e responde á necesidade de Santiago de Compostela de contar cun espazo para a lectura axeitado ás necesidades da cidade. Substitúe a antiga Biblioteca Pública, situada na praza de Salvador Parga desde 1955 e que, por superficie, equipamento e desactualización dos seus fondos resultaba insuficiente.

O novo edificio atópase na Avenida Xoán XXIII e foi trazado polo arquitecto Andrés Perea Ortega, que deseñou unha construción polivalente e funcional, na que sobresae a fachada acristalada. Ten unha superficie útil de máis de 5.800 metros cadrados, distribuída en soto, planta baixa e catro andares.

A Biblioteca Pública Ánxel Casal abre as súas portas cuns 60.000 volumes, que inclúen libros, prensa, banda deseñada, audiovisuais e música, e un cadro de persoal de trinta e sete persoas, o que a converte nun centro de referencia no conxunto do país.

Ánxel Casal
A biblioteca levará o nome de Ánxel Casal, en recoñecemento do traballo de quen era alcalde de Santiago -até a súa morte en 1936 por mor do levantamento fascista- e editor e do compromiso deste intelectual galeguista cos libros e coa difusión da nosa cultura.

Casal fundou a coruñesa Editorial Lar con Carré Alvarellos en 1924 e en 1927, co apoio da súa compañeira, María Miramontes, creou a Editorial Nós, da que saíron A Nosa Terra e a Revista Nós, ademais de promover e colaborar noutros proxectos editoriais republicanos, galeguistas e sindicalistas daqueles anos.

O que ofrece a biblioteca
Os arredor de 60.000 volumes cos que abre a biblioteca inclúen fondos impresos (libros, revistas e banda deseñada) audiovisuais (películas, documentais e discos) e biblioteca electrónica, con posibilidade de acceso a Internet e a todo tipo de recursos virtuais.

O seu horario de apertura será ao longo do ano de luns a venres de 8:30 a 21:00 h e de dúas horas os sábados á mañá (10:00 a 14:00 h). No verán permanecerá aberta de luns a venres entre as 8.30 e as 14.30 h.

Os diferentes servizos da biblioteca organízanse en catro niveis, que van da planta baixa ao terceiro andar.

Planta baixa: Multimedia, Hemeroteca, Bedeteca e Salón de actos

  1. Sala Multimedia: con postos de acceso a Internet, que se completan con rede wifi en todo o edificio.
  2. Hemeroteca: con prensa diaria e publicacións especializadas galegas, estatais e internacionais, acceso a boletíns oficiais e revistas de información, culturais, técnicas, científicas, etcétera.
  3. Bedeteca: cunha colección de banda deseñada con todos os xéneros, presenza especial de cómic galego, e tamén americano, europeo e manga xaponés.
  4. Salón de actos e exposicións: para actividades de extensión bibliotecaria.

Primeiro andar: Infantil

  • Con fondos para nenos e nenas de entre os 0 e os 14 anos e actividades adaptadas a estas idades.

Segundo andar: Empréstito

  • Fondo xeral: empréstito a domicilio de libros de todas as materias con todos os fondos en acceso directo.
  • Fondo audiovisual: empréstito de discos, filmes e programas de ordenador.

Terceiro andar: Consulta e investigación

  1. Sala de consulta: con 162 postos de lectura e o acceso a unha importante colección internacional de obras de referencia: dicionarios e enciclopedias xerais e especializadas, manuais, e outros.
  2. Fondo local: unha selección de bibliografía referida á cidade de Santiago.
  3. Espazo para a investigación e traballo en grupo.

Biblioteca electrónica

  • Unha selección de recursos multimedia (enciclopedias xerais e temáticas, hemerotecas, recursos educativos, etcétera) accesíbeis desde calquera ordenador, tamén desde os fogares. O único requisito é ser usuario dalgunha das bibliotecas da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Como facerse usuario/a da biblioteca
A entrada á Biblioteca e o acceso á maior parte dos fondos e servizos é libre e gratuíta. No entanto existe a posibilidade de contar con carné de usuario, que permite utilizar os servizos da biblioteca que requiren identificación, coma o servizo de empréstito e o acceso a internet.

Para ter carné de usuario é preciso encher unha solicitude na propia biblioteca ou a través de internet. Para recollelo é necesario mostrar o DNI ou o pasaporte e achegar unha foto. Os menores de 14 necesitan a autorización dunha persoa adulta.

Este carné é ademais válido para todas as bibliotecas participantes do catálogo: bibliotecas públicas nodais da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo e a Biblioteca Municipal de Ferrol, e todas as bibliotecas de Arquivos e Museos así como a do Consello da Cultura Galega.

Datos de contacto
Biblioteca Pública Ánxel Casal
Avenida de Xoán XXIII s/n
15704, Santiago de Compostela
881 999 401
biblio.publica.santiago@xunta.es


Imprimir


Comentarios ()


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Puntos do dosier

Novas relacionadas:

Dosieres relacionados:

Reportaxes:

Ligazóns:

Ánxel Casal

Ánxel Casal

Ánxel Casal e María Miramontes

Ánxel Casal e María Miramontes

Galería:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |