Dossiers

Onde hai unha biblioteca, hai unha luz


A rede de bibliotecas públicas

23-10-2008

A desigualdade na dotación de fondos segue sendo unha tarefa pendente que sinalan os traballadores dun sector que quere afrontar o seu labor desde as políticas transversais de dinamización da lectura e a incorporación ás novas tecnoloxías. Ao tempo estase a implementar unha política que vira o foco cara ás bibliotecas municipais.

Logo da aprobación da Lei do Libro a comezos de 2007 e do Plan de Lectura fixo agora un ano, neste momento estase a elaborar un Plan de Bibliotecas Públicas. Con anterioridade estudos estatístico informes trataron de avaliar unha situación de partida que se presupuña desigual nunha listaxe oficial que recolle 281 unidades administrativas e 400 puntos de servizo. Contarmos ademais desde a primavera do ano pasado co novo portal da Rede de Bibliotecas de Galicia e co seu Catálogo Colectivo, onde os usuarios poden consultar os fondos, incluídos agora tamén os dos centros de ensino, solicitar ou renovar préstamos e facer suxestións.

A achega das potencialidades das novas tecnoloxías trataba de estabelecer un punto con información centralizada para os profesionais das bibliotecas, darlles visibilidade a estes centros e aos seus fondos e poñía de manifesto a necesidade de estabelecer puntos de acordo entres as diferentes administracións que teñen competencias na lectura pública, punto de atranco sinalado adoito polos traballadores das bibliotecas.

A Ánxel Casal de Compostela
Para a directora da Biblioteca Pública de Compostela que abría as súas portas en marzo a existencia do novo portal é un paso “esencial, que tiña que terse dado antes” dado que o número de consultas nos puntos de lectura públicos era moi reducido. Sinala ademais a coordinación entre as diferentes administración que teñen responsabilidades na materia, Xunta de Galicia, deputacións e concellos, como fundamental de cara a conseguir un traballo efectivo e ter “unha rede de bibliotecas do século XXI, que nos coloque á par dos índices de lectura de Europa”. Así fala, por exemplo, do caso da Coruña, “onde probabelmente se estean duplicando esforzos” fronte a Vigo, “cunha soa biblioteca, o que deixa a meirande parte da poboación sen acceso a unha biblioteca pública”.
A existencia dunha política planificada, “en que non haxa lugar para a espontaneidade ou improvisación” e o traballo coas familias e coas bibliotecas escolares é outro dos puntos que Fernández Faya sinala como fulcrais para unha extensión efectiva dos índices de lectura.

Ribadeo e Oleiros, dúas realidades afastadas
A necesidade de dotación de persoal especializado é tamén lugar común ao que chegan todos os traballadores de bibliotecas cos que puidemos falar, canda a súa actualización tecnolóxica. Así María Jesús Rañón, bibliotecaria do Concello de Ribadeo, fálanos da falta de capacidade dun centro unipersoal coma o que ela leva para ir moito máis alá da xestión duns fondos con “moito préstamo a domicilio” e bota en falta maior capacidade para asumir actividades de dinamización da lectura, así como a carencia “dun edificio máis amplo que poida acoller os libros e faga posíbel ter salas independentes para público infantil e adulto”.

A esta situación de illamento ou de precariedade alude Mariluz Corral, directora das Bibliotecas municipais de Oleiros, cando fala da necesidade de que os concellos entendan “que un bibliotecario é tan importante para a lectura coma un asistente no campo dos servizos sociais”. Considera os seus compañeiros de profesión como pezas claves na extensión da lectura dado que “eles son os dinamizadores de base e se se implican e traballan iso sempre se vai notar”.

O seu contexto laboral é, así é todo, un espazo privilexiado, tamén por unhas condicións socioeconómicas favorábeis, e un lugar de referencia na promoción da lectura, algo que fixa na existencia “dun programa estable e continuado ao longo dos anos”. Cóntanos que accións como 'A hora do conto' xuntan semanalmente moitos cativos e cativas nas diferentes bibliotecas de Oleiros arredor “dos mellores contadores de historias do país”. E fala tamén doutras moitas actividades nas que por veces sobrepasan a capacidade da súa rede: os clubs de lectura, xa cunha década de traballo, encontros con escritores, entre os que cita as experiencias recentes con Manuel Rivas, Estíbaliz Espinosa, Ánxeles Penas ou Agustín Fernández Paz, talleres de ilustración ou campañas de animación nos centros de ensino. Un modelo de xestión que tende á transversalidade e que “aposta pola calidade”.

A necesidade dun equilibrio nos recursos
María Isabel Nogueiras traballa na biblioteca pública do concello ourensán de Leiro e valora positivamente do medio “o achegamento directo ao público”, mentres reclama unha maior coordinación das administracións para camiñar na mesma dirección, así como a existencia de “máis encontros, dunha maior participación” e menor dependencia do voluntarismo ou da formación autodidacta. Menciona como puntos fortes do labor que desenvolve o traballo coas asociacións, as maletas viaxeiras que se lles fan chegar a estas e tamén aos centros de ensino e, nun contexto con gráficas de poboación avellentadas, fala dun esforzo nos últimos tempos para que “a xente maior se achegue tamén á biblioteca, deixe de vela como un lugar para os rapaces”.

A Biblioteca municipal do Porriño converteuse nos últimos anos tamén nun centro de referencia e o seu traballo supuxo a concesión dun Premio María Moliner do Ministerio de Cultura pola campaña de animación á lectura de 2006. O seu programa Lúa ConLuvas para cativos, arredor dunha personaxe viaxeira que contaba a súa experiencia e traía unha froita do lugar de onde viñese, e a inclusión das novas tecnoloxías no achegamento aos tramos de idade adolescente, foron a súa aposta inicial. Así, Albino Alonso fálanos da necesidade de “ter claro un público obxectivo e achegarse ás súas linguaxes sen perder de vista un criterio didáctico”. Así, fálanos da súa vontade de facer presentes os libros de maneira transvesal en cada actividade que se realice no concello. E salienta así o traballo en común cos centros de ensino, o desenvolvemento de concursos destinados a público adolescente -de sms, de fotografía, de graffiti-, os obradoiros de banda deseñada ou de hip hop, a colaboración co festival de Cans ou os ciclos de cine que programan trimestralmente na biblioteca. “Poñemos bibliopraza cando sabemos que vai haber xente na rúa”, di como exemplo da aposta por facer visíbeis os libros.

Considera preciso que a administración local sexa o principal garante deste labor e vexa a biblioteca como “un ben público, un produto rendíbel”, e menciona ademais a existencia dunha relación fluída coas bibliotecas escolares como unha das claves no incremento na poboación lectora: “as primeiras idades son moi importantes, aínda que poidamos perder un usuario na adolescencia, sempre se volverá reencontrar coa lectura”.

Redistribuír bens para lermos máis
Este panorama desigual que aínda trazan os profesionais das bibliotecas públicas é o que Cultura tenta equilibrar cun investimento que se foi incrementando ao longo dos últimos anos e destinando a infraestruturas, inserción de novas tecnoloxías, mellora de fondos bibliográficos e da formación ou estabelecemento de programas de dinamización entre os que Mariluz Corral salienta “Letras Vivas creación, Letras Vivas animación ou o de Bibliotecas ilustradas, que nos permitiu contar este ano co traballo de Miguelanxo Prado nunha das bibliotecas de aquí”.

Hoxe preto de 9 de cada 10 euros destinados a adquirir libros van ás bibliotecas municipais, na busca dunha mellor distribución dos fondos: adquisición de novidades, de publicacións periódicas e de coleccións de calidade en música, cinema, banda deseñada e recursos web.


Imprimir


Comentarios ()


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |