Espazos reducidos, poucos fondos, carencia de equipamento audiovisual e informático, dixitalización dos catálogos... son eivas básicas superadas en maior ou menor medida nos últimos anos. Isto permitiu ir máis aló e esbozar o camiño para converter as bibliotecas nas células principais dos centros de ensino e no piar da nova pedagoxía.
Neste sentido impulsouse o
Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares. O seu obxectivo é "converter as bibliotecas en centros de recursos, lectura e aprendizaxe", precisa Cristina Novoa, coordinadora da
Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellaría de Educación. Posto en marcha en 2005, á altura do curso 2008-09 abrangue 224 centros. Falamos cos responsables das bibliotecas dalgúns deles. En xeral salientan os avances dos últimos anos, ao tempo que opinan que aínda queda moito camiño por andar.
Nos aspectos básicos, Mari Luz Paramio, profesora do
IES Río Cabe (Monforte), lamenta a carencia de mobiliario específico no seu centro, "pois unha biblioteca debe ser un espazo acolledor, agradábel, sen barreiras, diferente dunha cafetería". María Eugenia Cereijo Graña, responsábel da biblioteca do
CEIP Castrillón (Cangas), bota en falta un espazo máis axeitado, "sobre todo máis aberto, porque o actual é moi reducido para a cantidade de libros que temos (ao redor de 6.000)".
Equipo de bibliotecas
As bibliotecas escolares non teñen persoal específico, senón que o centro debe designar un responsábel e un equipo entre o claustro de profesores. As súas funcións, á espera da nova Lei de Bibliotecas, están reguladas nunha orde do 17 de xullo de 2007 da Consellaría de Educación.
O traballo de rexistro de fondos e dinamización require moito tempo e en moitos casos acapara unha dedicación voluntaria. "Eu pediría un grupo de traballo con horario de aulas reducido e horario específico para a biblioteca", manifesta Iolanda Sánchez, profesora de Lingua e Literatura Galegas do
IES As Mariñas (Betanzos). Así e todo, dubida que o ideal sexa asignar persoal exclusivo, pois, como profesora, considera fundamental o contacto directo cos rapaces nas aulas para despois guialos nas bibliotecas.
Formación
A principios de outubro celebrouse en Compostela o
II Encontro de Bibliotecas Escolares co lema "Bibliotecas para ler e aprender", que, di Cristina Domínguez, "responde á demanda dos profesores para coñecer as experiencias doutros centros". O programa, ademais dos relatorios principais, incluíu a presentación de 27
proxectos de bibliotecas escolares galegas e un dunha canaria.
"De encontros coma este xorde unha das relacións máis importantes ao redor das bibliotecas, a denominada Rede Profesional Colaborativa, que aúna intereses dos profesores e que os leva a organizar reunións por zonas e intercambios de materiais moi produtivos", sinala a asesora.
Complementan as accións puntuais os Centros de Formación de Profesorado, con programación continua e que aglutinan a 25 grupos específicos dedicados ás bibliotecas.
Iolanda Sánchez bota en falta máis formación documental "para transmitirlle aos alumnos que non abonda con saber buscar en Internet, que os libros tamén cumpren esa función". A profesora cre que "as metodoloxías pedagóxicas deben integrar as TICs, pero con criterios de selección". Para María Eugenia Cereijo "a formación documental require un traballo a longo prazo e o prioritario é ter recursos para formar usuarios".
Traballo coas familias
Os responsábeis das bibliotecas escolares teñen claro que é fundamental o estímulo lector no seo das familias para cumprir os seus obxectivos. Unha maneira de integrar aos pais é facelos partícipes dos clubs de lectura, que tamén "potencian o traballo fóra do horario lectivo", apunta Cristina Novoa. En novembro do ano pasado aprobouse unha liña de axudas para a súa creación, o que contribuíu a que ao longo do curso funcionasen 104 clubs de lectura.
Neste mesmo camiño está orientada a campaña
As Mochilas Viaxeiras, que saen das bibliotecas cargadas de material para todos os membros da familia. A biblioteca do IES As Mariñas estaba incluída nesta campaña, na que espera repetir polo seu bo resultado.
A celebración
Algunhas bibliotecas escolares celebran o Día das Bibliotecas cunha actividade especial. No IES Río Cabe os alumnos que integran o club de lectura e oito profesores pasaron a noite na súa biblioteca. Trala cea experimentaron un xogo ben divertido, a Casa do Tesouro, un conto de terror ateigado de desafíos e sorpresas. Antes de botarse a durmir visualizaron un fragmento do filme
Asasinato no Orient Express, para avezar a intriga do libro que están lendo, a novela de Agatha Christie. No CEIP Castrillón fixeron un combinado co Samaín pola súa proximidade e prepararon unha mostra cunha escolma de libros de medo.
Para o equipo da biblioteca do IES As Mariñas "o día da biblioteca son todos". Decidiron non facer nada especial e potenciar a actividade cotiá para manter a biblioteca viva todo o ano. Como mostra, a actividade que teñen en marcha neste momento, ao redor da exposición "E ti que les?", sobre as lecturas de persoeiros relevantes do mundo do espectáculo, do deporte e mais da cultura galega cedida polo IES Sabón, un exemplo tamén da colaboración entre centros.