O novo escaparate en liña presentará máis de 170 libros con extracto en inglés para fomentar a venda dos seus dereitos no exterior.
O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, presentou no marco da Feira do Libro de Frankfurt o proxecto
ReadGalicia.com, un escaparate que mostrará na rede máis de 170 obras galegas recentes acompañadas dun extracto traducido ao inglés. Trátase de obras cuxos dereitos están á venda, para que poidan ser estudados e comprados por axentes literarios no exterior.
O catálogo, proposto polos propios editores, irase completando con novas incorporacións nos vindeiros meses. O obxectivo de Readgalicia.com é converterse en lugar de referencia para que empresas editoriais estranxeiras coñezan a produción literaria galega e accedan facilmente á compra de dereitos.
O stand da Consellaría de Cultura acollerá mañá a presentación do libro
20 Gedichte aus galicien / 20 poemas, que Luís Bará presentará xunto aos poetas Xosé Mª Álvarez Cácamo, Xabier Queipo e María Reimóndez, xunto co coordinador da edición, Dieter Kraemer.
Na Feira de Frankfurt, que pasa por ser a máis importante do mundo, están presentes 13 editoriais galegas coa idea de establecer contacto con diferentes actores do sector a nivel internacional. Despois desta cita, a literatura galega viaxará a Guadalajara (Mexico), A Habana (Cuba), Bos Aires (Arxentina) e Bolonia (Italia). Ademais, unha delegación galega asistirá por primeira vez á feira de Londres e á Bienal de Rio de Janeiro para estudar a posíbel asistencia galega en edicións posteriores.