Noticias

ANIVERSARIO

Con Rosalía na Terra de Iria

26-03-2007
O percorrido ideouno Anxo Angueira O percorrido ideouno Anxo Angueira
Para celebrar os 170 anos do nacemento de Rosalía de Castro, o 24 de febreiro de 2007, a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural organizou unha ruta pola obra rosaliana e as terras da comarca de Iria. Viaxe poética compartida con representantes de asociacións e entidades culturais, e que contou coa presenza da presidenta da Fundación Rosalía, Helena Villar, da secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, ou da poeta Marta Dacosta, da directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
O poeta e narrador Anxo Angueira cartografou un percorrido poético que, no mediodía do sábado 24 de febreiro fixou unha convocatoria, ao abeiro dos versos de "Miña casiña, meu lar", na Matanza, na Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón.

O segundo fito da ruta rosaliana foi o camposanto de Adina, en Iria. Cemiterio de grande engado que plasmara Rosalía nos seus versos:
O simiterio de Adina
n´hai duda que é
encantador,
cos seus olivos escuros
de vella recordazón.

En Adina serían soterrados os restos mortais de Rosalía tras o seu pasamento en 1885 e alí repousaron até o seu traslado, en 1891, ao Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. Retornouse despois á vila de Padrón, a "súa ponliña verde, fada branca ao pé dun río". Na vila visitouse a rúa Xoán Rodríguez do Padrón e a casa materna en que se criou Rosalía, e a súa estatua no paseo do Espolón para ler aló os seus versos, gravados na pedra viva do seu pedestal, e escoitar de volta as palabras que Otero Pedrayo lle dedicou á autora, na que foi unha das primeiras manifestacións públicas en galego da posguerra.

O fito terminal da viaxe literaria foi Lestrove. No seu pazo das Torres sería acollida Rosalía de Castro polo seu curmán, Xosé Hermida. O pazo foi casa natal dos seus fillos Ovidio e Gala, e o soar onde escribirá numerosos textos narrativos e poéticos. Entre moitos, ocupa un lugar senlleiro a peza 'Como chove miudiño' de Cantares gallegos; nos seus versos enxergará toda a largacía toponimia da súa ollada: Lestrove, Laíño, Campaña, Valga, San Lois, O Souto, a Casa Grande de Arretén... O recitado de 'Como chove miudiño', a actuación musical de Carmen Dor e un xantar puxeron punto final á ruta rosaliana pola Terra de Iria.

Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Libros relacionados:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |