Biblioteca Ánxel CasalBotan a andar este mes e serán puntos de encontro e de intercambio de opinións sobre obras da literatura galega e universal.
En Galicia funcionan dende hai anos grupos de lectura en varias cidades e vilas, moitas veces ao abeiro das bibliotecas públicas: así a Lonxa literaria de Moaña, os das bibliotecas da Coruña, ou por iniciativas que xurdiron desde o ámbito dos departamentos de normalización lingüística, como é o caso de Literactúa en Carballo.
O Club de Lectura de Pontevedra, con xuntanzas organizadas na biblioteca central da cidade, nos distintos barrios e parroquias de Pontevedra cun funcionamento por grupos e cunha actividade virtual salientábel ha servir de modelo para estes da Biblioteca Ánxel Casal, inaugurada o pasado 28 de marzo, un presencial e outro virtual. Ambos os dous son gratuítos, teñen un número máximo de vinte participantes, un prazo que vai até o 18 de abril para a inscrición (nos organizados en Pontevedra houbo unha listaxe de agarda longa) e comezarán a seguir a súa actividade.
Na escolma inicial de lecturas están libros en galego, tanto clásicos como contemporáneos así como traducións de obras doutras linguas. As xuntanzas serán semanais no club presencial e mensuais no virtual, que levará a cabo as súas actividades a través dunha web. Os debates sobre as lecturas propostas acompañaranse de proxeccións de filmes relacionados cos libros, e con encontros cos autores (no club virtual estes encontros terán lugar a través dun chat).
Comezará con obras das listaxes de máis vendidos
Entre as primeiras lecturas do club, están Herba Moura de Teresa Moure, O club da calceta de María Reimóndez, Tres segundos de memoria de Diego Ameixeiras, Así nacen as baleas de Anxos Sumai, As rulas de Bakunin de Antón Riveiro Coello, así como as traducións Xuntos e máis nada de Anna Gavalda e Brooklyn Follies de Paul Auster. Tamén Resistencia, de Rosa Aneiros, narradora que na presentación do proxecto aludiu a que é "o encontro cos lectores o que lle dá sentido á escritura. É aí cando atopas o teu libro de verdade, cando foi lido e interpretado por outras persoas".
Unha rede nacional de clubs de Lectura
A posta en marcha dun número cada vez maior de clubs de lectura en todo o país é o obxectivo último que fixa Cultura. Nos vindeiros meses, pecharanse acordos cos concellos para organizar grupos coma os de Compostela ou Pontevedra ao redor das bibliotecas nodais da Coruña, Vigo, Ourense e Lugo. Ademais, abriuse unha convocatoria de axudas para este tipo de proxectos na que recibiron achegas económicas un total de sesenta grupos en distintos lugares de Galicia.
O vindeiro paso será a coordinación e traballo conxunto destes clubs (intercambio de libros, visitas de autores...), un obxectivo para o que poñerán este ano as primeiras pedras, coa realización de cursos para dinamizadores de clubs de lectura, a edición de guías e material de consulta e a organización, nos últimos meses do ano, dunhas xornadas sobre dinamización cultural, centradas nestes grupos de lectura.
Máis actividade na Ánxel Casal
Os clubs de lectura forman parte da programación cultural da biblioteca, enfocada a diferentes públicos. Á parte da súa actividade, haberá todos os sábados pola mañá actividades dirixidas ao público infantil: así, este 5 de abril ás 11:00 horas actuará a compañía Duende Sico co espectáculo "Contacontos musical". Ás 12:00 horas presentarase o disco "Pelogato 24", nun acto que contará coa participación dun grupo 25 rapaces que farán unha demostración de varios xogos populares galegos.
Tamén se poden visitar na biblioteca dúas exposicións. Unha é a mostra de ilustración "Apaga a luz: quero medo", creada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), que reúne 20 ilustradores e 20 escritores co obxectivo de amosarnos a súa visión sobre "o medo". A segunda exposición é "As bases da banda", creada pola Asociación Cultural BD Banda para achegarse á historia do cómic e amosar os traballos dos autores galegos.
Presentación do Club de lectura