Noticias

Dosier "Quen traduce en Galicia?"

Viceversa, Bivir e o asociacionismo no eido da tradución

13-05-2008
Desde que a UNESCO publicou a súa Recomendación sobre a protección xurídica dos tradutores e das traducións (Recomendación de Nairobi, 1976), a situación leva mellorado moito.

Como medidas destinadas a garantir a protección das tradutoras ou os tradutores, en virtude dos Dereitos de Autoría, considérase conveniente que se concerte un contrato de tradución por escrito. Tamén se favorece a inclusión de normas que obriguen a tradutora ou o tradutor a realizar unha tradución de alta calidade.

A inexistencia dun colexio de profesionais da tradución leva a que calquera persoa poida exercer esta profesión. Na nosa comunidade autónoma, a existencia de asociacións como a devandita ATG e a profesional AGPTI (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación) contribúen en certa medida a que se esixan os mínimos requisitos que esixe este exercicio profesional. Xosé María Gómez Clemente apúntanos que “os fundadores da ATG, e agora a meirande parte dos seus membros, realizan traducións de forma continuada ou esporádica, pero non son profesionais. A maior parte dos profesionais da tradución, na actualidade, agrúpanse na AGPTI, fundada por alumnado licenciado na nosa facultade e presidida actualmente por Larisa Santos Suárez. Eles son os que están a facer un labor excelente na defensa dos dereitos profesionais dos tradutores, no estabelecemento de estándares, na definición dunha sorte de código deontolóxico”.

A Licenciatura de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo forma futuras e futuros profesionais e, en menor grao, investigadoras e investigadores.

Tal e como nos relata Gómez Clemente, a aparición dos estudos de Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo trae como consecuencia lóxica o nacemento de Viceversa no ano 1995, a única revista especializada en tradución, actualmente dirixida por Alberto Álvarez Lugrís.

Amais de Viceversa, a Biblioteca Virtual Galega de traducións (Bivir) é unha idea do fundador da ATG, Xulián Maure. Gómez Clemente descríbenos o xeito en que Maure concibe este proxecto debido a que “estaba convencido da importancia das traducións para a consolidación do sistema literario galego e para o aumento dos índices de lectura, quixo poñer ao dispor do público unha morea de textos traducidos, na rede, de acceso libre e gratuíto”. Bivir conta con máis de 120 títulos que poden ser consultados e baixados libremente en www.bivir.com. Gómez Clemente infórmanos de que tamén ten unha sección de textos científico-técnicos “que pretendemos aumentar se prospera un convenio que lle propuxemos á Secretaría de Política Lingüística”.

Engade Gómez Clemente que “tamén Maure, membro da Fundación Plácido Castro, xunto con Xulio Ríos, decidiron crear no ano 2000 o Premio Plácido Castro”, cuxo principal obxectivo é promover as obras de literatura universal traducidas á lingua galega. A concesión deste premio non implica a edición analóxica, xa que “non consideramos necesaria a publicación en papel da obra premiada porque entendemos que non lle engade ningún mérito especial”, sinala Gómez Clemente. Noutras palabras, “débese ao convencemento de que Internet será, xa o está sendo, a grande editorial do futuro”. Para a elaboración do seu plano de traducións, Bivir conta coa colaboración de expertos, “como a profesora Ana Luna do Departamento de Tradución, que está a traballar sobre os textos traducidos en Galicia, ou Camino Noia, autora de excelentes traballos sobre a nosa historia da tradución”, pero necesariamente este plano “debería estar alicerzado nun orzamento xeneroso”.

As necesidades do mercado deben determinar en gran medida o tipo de formación, xa que como avalía Gómez Clemente “a tradución é parte dun mercado libre, un mercado cultural, pero rexido polas normas da oferta e da demanda, ao cabo. Creo que a principal responsabilidade é, polo tanto, das editoriais galegas que forman parte dese mercado e que venden uns produtos determinados”.

Debemos, pois, formularnos a pregunta de cal debe ser o perfil da tradutora ou tradutor “ideal”.

Neste senso, Almazán, licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, confírmanos que a súa formación “inflúe en enorme medida” no desenvolvemento da súa profesión. Con todo, “onde non me prepararan os estudos foi no aspecto que poderiamos chamar comercial”, lémbranos esta licenciada que saíu da facultade hai xa dez anos. Non obstante, puntualiza Almazán que “os actuais planos e programas de estudo si incorporan estes elementos tan importantes”.

No sector editorial, unha empresa como Faktoría K aplica as tarifas de tradución e revisión en función do nivel de dificultade do texto e da lingua de orixe e aclara González Barreiro que sempre queren ser moi respectuosos coas propostas económicas e as entregas das tradutoras e os tradutores. Pedreira indícanos que contan con dúas tarifas de tradución fixadas: narrativa e poesía. Non obstante, a tarifa de revisión varía “en función do nivel de intervención sobre o texto” e pode chegar a supor un desconto do 40% sobre a tarifa de tradución.

desde o punto de vista dunha asalariada da tradución, coma Moure, os parámetros cambian; esta tradutora exponnos que “as tarifas galegas para a tradución son, por exemplo, a metade das tarifas no Canadá para traducir do francés ao inglés. E traduzo poesía sen pagamento a maioría do tempo”.

Por outra parte, existe a evidencia das tradutoras e os tradutores autodidactas que desenvolven o seu labor con absoluta competencia. Esta é a casuística de R. Marcuño que nos murmura que lles “cedería a palabra ás novas xeracións, as que pretenden vivir dignamente da súa profesión”.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |