Se atendemos ao que nos indica Moure, para ela “as editoriais de poesía teñen moita paciencia! A tradución ten que ser excelente. As urxencias da editorial non mandan. Traballo o máis rapidamente posíbel, e traballo para a linguaxe. Poden buscar outra tradutora se queren un traballo mal feito!”.
Os protocolos de actuación descritos responden a unha busca da calidade na tradución. No caso de González Barreiro, acláranos que “para unha editorial que basea unha parte importante do seu catálogo na tradución do e ao galego, é fundamental ter un protocolo de traballo que garante a fidelidade á obra orixinal, o respecto pola obra do tradutor e polos lectores”. Pola súa banda, Pedreira puntualiza “as veces mesmo é posíbel consultar ao autor/a, se está vivo e é accesíbel”.
Disque a tiraxe denota a saúde da edición; para González Barreiro o número de exemplares responde á consideración sobre a acollida que vai ter o libro. Tamén nos advirte de que caso á parte é un título como O neno do pixama de raias, de John Boyne, traducido por Daniel Saavedra, que xa vai pola terceira edición. Pola súa parte, Pedreira indícanos que “o único criterio para estabelecela é o das expectativas de vendas”.
En consecuencia, as reivindicacións emitidas por González Barreiro e Pedreira reclaman políticas editoriais e educativas que posibiliten un maior número de lectores en galego, así como un maior consumo de textos traducidos de calidade.
Jhon Berger en tradución de Rinoceronte
Penélope Pedreira