A figura elixida pola Academia para o Día das Letras Galegas 2008 é unha das máis polifacéticas da nosa literatura. Poeta, narrador, editor, historiador, arqueólogo, orador, pedagogo... A actividade de Xosé María Álvarez Blázquez a prol da cultura abrangueu tantos campos e tan diversos que non resulta doado resumir o seu legado. A súa produción cultural goza este ano da atención que esixe, pero tamén o seu papel como editor: esta é, probabelmente, a faceta súa á que máis lle deben as nosas letras. Fundador e animador das editoriais Monterrey e Castrelos, foi grazas a Xosé María que a obra literaria galega ocupou o seu lugar nos andeis de moitas casas.
Autor polígrafo, estudoso incansábel, "activista cultural" -en palabras do seu fillo Xosé María Álvarez Cáccamo-, a súa enorme achega debe valorarse ante todo en termos de compromiso. Un compromiso que mantivo incondicionalmente ligado á Cultura en xeral e a Galicia en particular. Un compromiso, asemade, que comparte coas catro xeracións de escritores que compoñen a saga Álvarez desde finais do século XIX.
Nin a violencia da guerra -que levou a vida do pai a mans das tropas fascistas e o condeou ao desterro- nin a crueldade doutros episodios, como a morte da filla primoxénita, puxeron freo á vontade inapagábel dun home positivo, curioso, guiado en todo momento pola espírito da descuberta. No seu despacho do barrio vigués das Travesas xestáronse unha morea de textos, investigacións e iniciativas que apuntaron en todas as direccións da arte e a cultura. No eido literario non deixou xénero por intentar, e a súa actividade no campo da historia e a investigación deixa un legado ateigado de tesouros.
De certo que a Xosé María lle quedaron moitas cousas pendentes, pero só porque non houbo tempo para máis: sempre había arelas por cumprir, como el mesmo escribe en 1976, no limiar de Canle segredo. "Xa vou pra vello, e penso, sin demasiada tristura, que eiquí van quedar a maioría dos meus soños, algúns plasmados xa en mestos portafolios, outros en apenas uns apuntes que o tempo vai marelecendo. Había tanto que facer!"
Portada do especial 'Xosé María Álvarez Blázquez' en Praza 5