Co gallo do Día das Letras brotan libros a esgalla da fértil eira editorial. Cómpre facer unha escolma dos que achegan con rigor a relevancia de Álvarez Blázquez.
Sobresae Tempo do pai, de Xosé María Álvarez Cáccamo, editada por Galaxia con motivo da homenaxe. Está escrita dende a lembranza íntima dos instantes e das imaxes que configuran a memoria do fillo. Esta obra pode considerarse unha continuación de Memoria do poeta (Galaxia, 2006), na que Álvarez Cáccamo bambea sobre a liña que une poesía e experiencia vital. O profesor e ensaísta Carlos L. Bernárdez elaborou tamén para tamén Galaxia Vida e obra de Xosé María Álvarez Blázquez, que amais do seu estudo inclúe unha escolma de textos do homenaxeado.
O escritor da Terra Chá, Darío Xohán Cabana, bo coñecedor da figura humana e intelectual que foi Álvarez Blázquez, pois traballou con el en Edicións Castrelos, preparou para Xerais Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra, unha biografía que aborda a personaxe dende o seu traballo polifacético como literato, filólogo, editor, arqueólogo e historiador. A editora viguesa saca do prelo tamén para a ocasión Xosé María Álvarez Blázquez. Unha fotobiografía, 1915-1985, realizada polo seu fillo Alfonso Álvarez Cáccamo.
Pola súa banda, a USC editou Xosé María Álvarez Blázquez. Día das Letra Galegas 2008, un volume coordinado polo profesor Anxo Tarrío, con artigos de Luís Couceiro Pérez, José Luís Forneiro, María Xesús Nogueira Pereira, Blanca-Ana Roig Rechou, Ramón Mariño Paz, Xosé Manuel Dasilva e Marta Neira Rodríguez.
A editorial Toxosoutos adiantouse un chisco á conmemoración coa publicación en setembro de 2007 de Xosé María Álvarez Blázquez 1915-1985. A terra é o fito chantado no centro xeométrico do meu horizonte, de Clodio González Pérez, que destaca a inxente achega á cultura do país do homenaxeado na segunda metade do século XX. Outras monografías destacábeis son Xosé María Álvarez Blázquez na súa canle segreda (Edicións Laiovento, 2008), de Henrique Rabuñal; Xosé María Álvarez Blázquez. Escritor, conferenciante, editor, arqueólogo, investigador; galeguista de aceiro e pedra fina (1994), escrito polo seu fillo Alfonso Álvarez Cáccamo, que inaugurou a colección Galegos na Historia de Ir Indo; e o Dicionario Xosé María Álvarez Blázquez (3C3 Editores, 2008), de Ana Acuña, oitavo número da colección DICIONARIO / Letras dous mil.
Do autor
Edicións Xerais compilou con motivo da conmemoración toda a súa obra poética en galego, nunha coidada edición preparada por Xavier Rodríguez Baixeras. O volume, titulado Poesía galega completa, contén poemas inéditos e os cinco poemarios publicados do autor tudense: Poemas de ti e de min (1949), escrito co seu irmán Emilio e que pode descargarse no especial de Vieiros, Roseira do teu mencer (1950), Cancioneiro de Monfero (1953), Romance do pescador peleriño (1954) e Canle segredo (1954). Destes Xerais tiña publicado os poemas infantís de Roseira do teu mencer, que reedita agora cun epílogo fotográfico e biográfico preparado por Darío Xohán Cabana.
Xerais reeditou tamén este ano A cidade e os días, que rescata para a lingua galega o calendario histórico de Vigo, desenvolvido por Xosé María Álvarez Blázquez ao longo de 1959 nas páxinas do xornal Faro de Vigo e publicado por Edicións Monterrey en 1960. No seu catálogo Xerais conta tamén co ensaio Martín Códax, cantor do mar de Vigo (1998), unha mostra do Álvarez Blázquez estudoso da lírica medieval, editado por primeira vez pola Asociación da Prensa de Vigo en 1962. Outro texto de interese neste eido é Escolma de poesía medieval: 1198-1354 (Castrelos, 1975). A xeito de anécdota citar o Cancioneiro de Monfero, un falso achado medieval que se atreveu a publicar no día dos Santos Inocentes de 1953, mostra do seu sentido do humor.
Galaxia reedita para a ocasión na súa colección de poesía Dombate o poemario Canle Segredo, obra fundamental de Álvarez Blázquez, Premio Eduardo Pondal do Centro Galego de Bos Aires en 1954 e publicado por Castrelos en 1976. Así mesmo, na colección Literaria, de narrativa, publica A pega rabilonga. Os ruíns, que reúne dous libros de contos.
Nunha escolma deste tipo non pode faltar a edición especial que publicou o Consello da Cultura Galega, precisamente para lembrar o labor de Álvarez Blázquez como bibliófilo e editor.Trátase da edición facsímile do manuscrito autógrafo Égloga de Belmiro e Benigno, de Nicomedes Pastor Díaz, texto rescatado por Álvarez Blázquez e editado en 1951 pola editorial Monterrey que el mesmo dirixía.