Noticias

Álvarez Blázquez na rede

Xogando a poñer X. M. Álvarez Blázquez nos buscadores de internet

16-05-2008
17demaio.org

Mergullámonos na rede na procura de vídeos e outros contidos multimedia dedicados ao homenaxeado no Día das Letras 2008.

No Youtube poden verse varios vídeos nos que algúns músicos galegos reinterpretan poemas de Xosé María Álvarez Blázquez. Con todo, os protagonistas son os nenos e nenas de diferentes colexios que recitan a obra do homenaxeado. Ademais, destacan algunhas propostas didácticas e cómpre lembrar as webs de referencia.

O alumnado do IES da Pobra do Caramiñal atrévense con Canle segredo, unha das obras máis acedas e existenciais de Álvarez Blázquez.

Os pequenos do CEIP Quintela de Moaña recitan Roseira do teu mencer, poemario que o escritor lle dedicou á súa primeira filla, María Luísa, á que a familia alcumaba cariñosamente 'Colorín'. Lois, de quinto de primaria, escolleu o poema “Pola fiestra anda o luar”.

E Paula, tamén de quinto de primaria, recita “Era un airiño soave”.

Unha das primeiras propostas musicais que se poden atopar no Youtube é a de Suso Vaamonde para o “Romance do pescador peleriño”, que pertence ao seu disco Santiago, mar de pedra.

O grupo Luar na Lubre fai unha proposta neste vídeo para a composición “O merlo poeta”, do libro Poemas de ti e de min, escrito a dúas mans por Xosé María e o seu irmán Emilio.

Susana Seivane cede a súa gaita para “Voa, Maruxiña”, seducida tamén pola musicalidade e a maxia dos poemas infantís de Roseira do teu mencer.

Entre as diferentes propostas didácticas existen varias WebQuest, como esta desenvolvida polos blogs O Bosque Animado e O Segrel do Penedo, respectivamente do IES Afonso X O Sabio de Cambre e o IES de Fene.

Así e todo, a proposta máis orixinal e lúdica é o xogo de preguntas elaborado por Antón Vicente.

Na Rede de Dinamización da Sociedade da Información tamén xurdiron ideas con matices pedagóxicos. En Salceda de Caselas puxeron en marcha a iniciativa Poesía Móbil, na que animan á xente a trasladar os poemas de Álvarez Blázquez á linguaxe dos SMS.

Paralelamente, nos concellos da Guarda e Tomiño, desenvólvese a iniciativa Poemas e Novas Tecnoloxías, que consiste na realización dun pequeno filme cuxa banda sonora serán os poemas de Álvarez Blazquez lidos polas usuarias e os usuarios das aulas destes municipios.

Malia ser redundante, é preciso lembrar as webs de referencia. O sitio 17demaio.org presenta unha análise en profundidade de Álvarez Blázquez nas súas múltiples facetas, como escritor, editor, articulista e investigador. Contén ademais unha ampla galería de imaxes, unha cronobiografía, un repaso da saga familiar, referencias doutros escritores sobre Álvarez Blázquez, unha escolma de obras e, precisamente, unha escolma de recursos na rede.

A Real Academia dedícalle unha páxina ao escritor, con textos de Darío Xohán Cabana. Celso Álvarez Cáccamo, fillo do homenaxeado, realizou para a ocasión na súa páxina web un importante labor documental, que achega valiosos materiais, dende fotografías ata cartas, artigos e gravacións sonoras.

O 17 de maio celébrase tamén o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. Con motivo da coincidencia da efeméride a web Maisinternetmaisgalego.org reserva un espazo para Álvarez Blázquez, no que diariamente destacan un poema distindo do escritor.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |