Noticias

Mendez Ferrín, Premio Nacional de Literatura

“É un premio polo que levabamos clamando dende había tempo”

28-05-2008

O escritor recibiu a nova con satisfacción e sinalou que a inexistencia ata agora deste premio foi “un total menosprezo a Galicia polos gobernos anteriores, incluso o tripartito”.

O xurado dos Premios Nacionais decidiu outorgarlle a Xosé Luís Méndez Ferrín o galardón na categoría de Literatura, “pola calidade da súa obra, mantida ao longo de varias décadas, que o fai un escritor recoñecido a nivel internacional”.

Ante esta concesión o escritor amosou a súa satisfacción e agradecemento, á vez que apuntou que “é un premio polo que levabamos clamando dende hai tempo, a súa inexistencia ata agora supuxo un total menosprezo a Galicia por parte dos gobernos anteriores, incluso o tripartito”. Subliñou a súa importancia "pois é un recoñecemento a toda unha traxectoria e non só a unha obra".

A heteroxeneidade e pluralidade do xurado, composto coa vontade de incluír todas as disciplinas, procurou nomear aos egrexios galegos, representativos en certa medida da cultura do país. Con todo, Ferrín non interpreta o premio como un recoñecemento aos seus pares e opina que “hai que premialos un por un e antes de que morran”. Salientou nomes como Bernardino Graña, Xosé Fernández Ferreiro, Luz Pozo Garza ou Manuel Álvarez Torneiro como tan merecedores deste galardón ou máis ca el. Neste sentido, engadiu que “é preciso instituír máis premios como o Cervantes ou o Reina Sofía de poesía” para outorgarlle á cultura galega o recoñecemento que merece, “de xeito parello a calquera outra nación do mundo”. Nun ton reivindicativo aclarou: “non podemos ser inferiores, porque non somos inferiores”.

Méndez Ferrín fai unha valoración política da concesión e creación destes premios. “É un paso importante, en primeiro lugar por chamarse Nacionais, porque Galicia é unha nación”, indicou. “Ademais -proseguiu- tan importante como premiar a literatura é que se premie a ciencia e as demais disciplinas”. Segundo o escritor, “dende a Revolución Francesa unha nación ten a obriga de recoñecer o labor dos seus fillos, como fan en Cataluña”. Así e todo, Ferrín considera que os Premios Nacionais son mellorables: “como xa levo dito, hai que diversificalos e no caso literario establecer un para cada xénero”. Engadiu: “amais deberían estar mellor dotados economicamente, polo menos un euro por riba dos Nacionais españois; os cartos teñen un valor simbólico e hai que concederllo”.

A respecto dos restantes Premios Nacionais anunciados ata agora destacou o concedido a Margarita Ledo, “unha boa amiga, da que son admirador da súa obra”; a Manuel Gallego Jorreto, “un gran arquitecto e tamén amigo da infancia”; e o Museo do Pobo Galego, “pois foi creado por iniciativa popular e eu tamén o votaría”.

Méndez Ferrín é unha figura fundamental da literatura galega na segunda metade do século XX, que con este premio se recoñece como o mellor escritor galego vivo. Protagonizou o cambio de rumbo das letras nas décadas dos sesenta e os setenta, con obras como o poemario Con pólvora e magnolias e o libro de relatos O crepúsculo e as formigas. Foi quen de construír unha voz propia e inconfundible, na que conviven realismo, fantasía e simbolismo. O seu forte compromiso político e coa lingua, voz crítica sempre presente na palestra, plásmanse tamén nas súas creacións, tanto narrativas como poéticas.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |