Eva Mejuto do Club de Pontevedra e Xosé Manuel Pérez de CulturaRemataron, con abonda participación, as xornadas arredor dos clubs de lectura que serviron como intercambio de experiencias neste ámbito dinamizador.
O título co que se desenvolveron estas xornadas organizadas conxuntamente pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e a Asociación Socio-Pegagóxica Galega foi "Ler en común. Os clubs de lectura". As persoas inscritas andaron polas 200, fundamentalmente traballadores de bibliotecas municipais, integrantes de asociacións interesadas pola promoción dos hábitos lectores e docentes encargados de bibliotecas escolares.
As xornadas comezaron coa intervención da especialista francesa Geneviève Patte, que fixo un percorrido por varias experiencias de sacar os libros á rúa en espazos marxinais de París: cestas de libros expostas en lugares de lecer, visitas semanais ás casas e sobre todo unha comunicación estabelecida desde o respecto cos pais e cos cativos foron as chaves que esta bibliotecaria e traballadora na animación á lectura sinalou como fundamentais.
Ás experiencias de promoción da Biblioteca central de Badalona e do Centro Andaluz de las Letras, con iniciativas comúns de intentos de achegar lectores que van desde a organización de recitais até a segmentación por idades, foron seguidas, nunha mesa redonda, pola intervención de Mariluz Corral, directora das Bibliotecas municipais de Oleiros, que apelou á colaboración como punto fulcral na experiencia dos clubs de lectura ao aludir ao intercambio de libros entres distintas bibliotecas da Comarca das Mariñas así como con outras das cidades.
As intervencións de Xoán Carlos Rábade, Loly Gago e Antonio Alonso estiveron centradas na actividade en clubs de lectura nos centros de ensino secundario e a de Eva Mejuto nas dúas experiencias, tanto virtuais como presenciais, de Pontevedra e de Compostela. Para estes clubs, Mejuto falou do predominio de participación das mulleres, na media dos 50 anos no caso dos tres existentes no espazo rural de Pontevedra, e da experiencia dos clubs virtuais, en que os lectores intercambian opinións a través dun blog e do chat, cando é posíbel coa presenza do autor ou autora escollidos.
As experiencias pioneiras de Literactúa en Carballo, co esforzo de levar os libros a espazos de socialización non previsíbeis como son os bares, da Lonxa Literaria de Moaña, con actividades complementarias á lectura como contacontos, un certame de microrrelatos ou recitais de poesía e Espazo Lectura en Gondomar, que leva traballado tamén na oralidade co Contomar así como nunha campaña de boockcrosing ofreceron unha mostra do traballo que se está a realizar en Galicia agora mesmo.
Por último Carme Loriga proporcionou camiños por onde dirixir o interese pola lectura no ámbito familiar.