Noticias

Premio de Narrativa Arcebispo San Clemente

“A novela de Anxos Sumai presenta problemas duros de forma inocua”

25-06-2008

Deste xeito valora Alberte Regueira “Así nacen as baleas”, obra premiada polo xurado do que el formou parte.

Onte coñeceuse o fallo do XIV Premio Arcebispo Juan de San Clemente, tras a habitual deliberación final que realizan os distintos xurados de cada categoría. Na modalidade de novela galega Así nacen as baleas de Anxos Sumai gañou por un voto de diferencia (cinco a catro) fronte a Mentres a herba medra, de Xesús Rábade Paredes, ao tempo que a terceira obra barallada, Cardume, de Rexina Veiga, obtiña só un voto.

Este premio ten unha significación especial para os escritores, pois caracterízase por outorgarlle o protagonismo aos estudantes como membros do xurado. Séntense desta maneira premiados directamente polos lectores e iso, segundo a gañadora, Anxos Sumai, "é a maior recompensa para un escritor". A autora de Catoira amosou a súa satisfacción coa nova: "é o premio máis bonito e que sexan estudantes faino aínda máis fermoso porque ves que a novela se está lendo".

O certame, organizado polo Instituto Rosalía de Castro de Santiago, establece tres modalidades, novela galega, castelá e estranxeira, e nomea un xurado de dez persoas para cada unha. Para tal efecto o centro compostelán convida a participar a outros catro institutos do país, elixidos ao chou, que este ano foron o Camilo José Cela de Padrón, o Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, o Pintor Colmeiro de Silleda e o Lauro Olmo do Barco de Valdeorras.

Alberte Regueira López é un deses alumnos que formou parte do xurado para o premio de novela galega, unha experiencia que avalía como “interesante porque non é habitual participar en xurados con 18 anos e porque podes ver como funcionan”. Resume o veredicto final do seu grupo dicindo que Así nacen as baleas "está moi ben escrita e presenta problemas moi duros de forma inocua".

No tocante á empatía dos lectores mozos e mozas coas personaxes da súa novela, Anxos Sumai pensa que quizais "o que máis lles guste é a Nena e tamén Ramón (o irmán), que eu quero moito e que a eles lles pode resultar entrañable". A trama da novela parte do regreso circunstancial da protagonista á casa familiar e encaixa cuns lectores que están precisamente no momento vital previo, de desprendemento. A escritora pensa que aí reside o valor que os alumnos lle deron á novela, pois o que caracteriza á protagonista é a súa independencia, "a súa capacidade para iniciar unha vida fóra da familia".

As palabras da escritora case coinciden co que nos contou Alberte, que considera a parte da infancia da protagonista unha das mellores da obra. Destaca o xeito "idílico e case fantástico na narración da nenez, que á vez inclúe os problemas familiares". Por outra banda, anota unha identificación xeral coa protagonista "polo rango de idade e pola rebeldía que amosa ao fuxir da casa, dun ambiente asfixiante, un sentimento máis ou menos forte, pero que sempre está presente na xente da nosa idade".

Así nacen as baleas é unha novela centrada en personaxes femininos, pero a autora non pensa que iso repercutise nas votacións. "Non inflúe que o xurado fosen mozos ou mozas, senón os gustos de cada quen e a novela de Rábade Paredes está moi ben", sinalou, consciente da dura competencia. Engadiu: "É estraño o que está pasando coa miña novela, pois entre os adultos tamén se están dando lecturas moi distintas, uns ven un relato angustioso e outros unha historia de liberación, chea de luz". Pensa que o seu texto ten boa acollida entre os estudantes porque "é unha novela de sentimentos, na que se poden ver reflectidos", ademais a súa linguaxe, segundo ela mesma, "é áxil e lixeira" e iso faina accesible. Así e todo, afirma que durante o proceso de creación nunca se cuestiona quen vai ser o lector, "penso en min, no que quero contar e en como o quero contar, primeiro fago unha proposta e logo chega o lector".

Alberte afirmou que esperaba que o resultado fose aínda máis axustado entre as tres noveles e que non quedase entre dúas pola “súa calidade e riqueza lingüística”. A respecto de Mentres a herba medra, de Xesús Rábade Paredes, destacou “a introdución de termos musicais” e mais o valor da “procura do sentido do presente no pasado, case sen acción”. O que fai Rábade Paredes, segundo Alberte, “é unha viaxe interior a través do seu ideario”.

Cardume, de Rexina Vega, suxírelle a Alberte Regueira a idea dunha “novela memorialística”. “Aínda que o da Guerra Civil sexa un tema moi tratado -di o estudante- esta obra achega unha visión nova moi poética”. Gústalle como a autora reflicte “a maneira de pensar de cada personaxe, pensamentos tipo da sociedade do momento, e como cada un busca o seu camiño en función das súas circunstancias, achegándose ou afastándose do franquismo, emigrando”.

Maribel Martín, xefa de estudos do IES Rosalía de Castro, define o premio como unha boa actividade para fomentar a lectura entre os alumnos e salienta que "cando comeza o curso sempre hai moitos voluntarios en segundo de bacharelato (o curso ao que vai dirixida a iniciativa), porque é unha experiencia moi importante para eles poder ser xurado tan novos". A profesora destaca tamén a boa recepción que teñen cando contactan cos demais centros: "a todos lles parece unha idea estupenda". O mellor momento para os estudantes é, segundo Maribel Martín, a cea do día da entrega de premios no Hostal dos Reis Católicos, "pois poden sentar cos escritores e falar con eles".

Nas convocatorias anteriores obtiveron este premio en lingua galega María Reimóndez, Isidro Novo, Teresa Moure, Rosa Aneiros, Xurxo Borrazás e Suso de Toro, entre outros.

Nesta edición, a décimo cuarta, na categoría de novela castelá gañou por unanimidade Hoy Júpiter, de Luis Landero, que acaparou os dez votos do xurado, deixando sen apoios a Crematorio, de Rafael Chirbes, e La muerte lenta de Luciana B, de Guillermo Martínez.

Por último, na modalidade de novela estranxeira, os alumnos elixiron Artur e George, de Julian Barnes, traducida ao galego por Rinoceronte. Superaba así as outras dúas propostas: Terrorista, de John Updike, traducida por Xerais, e Zapatos italianos, de H. Mankell.

Tras o fallo do certame, o director do instituto, Ubaldo Rueda, anunciou que no acto de entrega do galardón, que terá lugar no mes de marzo do ano vindeiro, estará presente o escritor xaponés Haruki Murakami, premiado no 2007 na categoría de novela estranxeira por Kafka na beira do mar.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |