Noticias

Suso de Toro

"Son dos de 'Galiza' porque me fixen galeguista con Castelao"

01-07-2008

Así definiu o escritor compostelán a súa visión do país na presentación do seu libro "Outra Galiza", unha escolma de artigos que reflexionan sobre a situación social e política da sociedade galega.

A última obra editada de Suso de Toro, Outra Galiza, abrangue artigos xornalísticos publicados dende 2003 ata a primavera do ano en curso. Divídese en dúas partes: "O tempo aberto", que recolle os textos aparecidos no semanario A Nosa Terra e analiza os últimos azos do goberno Fraga; e "Saíndo ao día", as colaboracións dominicais na edición galega do xornal El País, nas que o autor pon na palestra as eivas da xestión do novo goberno bipartito. Como sinalou o editor Manuel Bragado na presentación, que tivo lugar onte no Club Internacional de Prensa, este volume completa o que se podería considerar unha triloxía, xunto con outros dous editados na serie Crónica de Xerais, Españois todos (2004) e Outra idea de España (2005), na que o escritor "lle toma pulso á realidade política, coa convición de que as palabras serven para cambiar o estado das cousas".

Preguntado pola elección de 'Galiza' para o título do libro, ante a polémica suscitada pola RAG, Suso de Toro afirmou: "eu son dos de Galiza porque me fixen galeguista co pensamento de Castelao, dos republicanos e dos exiliados, como Lorenzo Varela e Luis Seoane, e iso é Galiza". Á par salientou que a denominación 'Galicia' correspóndese cun "galeguismo conservador que entende o país nun senso antropolóxico, étnico, de conservación das tradicións e da cultura rural". O escritor acolle eses elementos como parte da súa patria, mais aclarou que, cando propón pensamento político entende "Galiza como suxeito, con dereitos e responsabilidades, concibida dentro dunha España interpretada federalmente e naturalmente como Galiza europea".

Suso de Toro quixo destacar que Outra Galiza é un libro de autor, máis tamén de editor, pois tan só había media hora que vira o resultado final do libro como obxecto. "Se non fose moi poético, poderíase dicir que foi un libro escrito no tempo", sinalou, "que o que fai é reter as miñas reflexións dialogando coa vida social, co que ocorre no meu país e no meu tempo, asumindo unha consigna dun vello galeguista republicano, Valentín Paz Andrade: Galiza como tarefa". Os artigos escritos antes do cambio político reflicten "un combate ideolóxico contra aquela cárcere que era o Partido Popular de Fraga, unha situación que parecía non ter saída, futuro nin horizonte". O autor expresa a súa exasperación e carraxe nesa parte e fai unha chamada ao cambio. Na segunda interpreta criticamente o que acotenceu tras o cambio. Pon de manifesto unha certa sensación de liberdade da sociedade, polo que supuxo truncar a perpetuidade e o absolutismo do goberno Fraga e experimentar que o poder é relativo. Ao mesmo tempo existe certa insatisfacción. Segundo o escritor, o bipartito gañou en transparencia e descenceu en corrupción, "pero mantén políticas semellantes ás do PP, clientelistas, de alianzas inconfesábeis cos medios de comunicación e de utilizar o diñeiro público para gañar votos".

O autor compostelán subliñou que dende que se formulou ser escritor, na adolescencia, se propuxo facer unha obra sen complexos de minorización, medíndose cos escritores que admiraba e dende unha militancia. Afirmou que Outra Galiza segue a ser un libro militante, "de alguén que non ten unha filiación política neste momento, mais que ten unha constancia en implicarse no que acontece". Para explicar o contexto dos seus artigos empregou a situación xerada coa vitoria da selección española no campionato europeo, precisamente no día da resaca. Alegou sentir alegría co gol da selección e coas súas xogadas nun partido que animou malia non gustarlle o fútbol, "con esa alegría inocente que sente todo o mundo polas cousas do lugar de un". Unicamente lamentou que non houbese máis xogadores galegos, cunha única representación en Fernando Torres, fillo de galegos de Boqueixón. Aclarou: "cando fun mozo eduqueime dentro de ideoloxías pechadas, dun pensamento codificado, incluso sectario, e foi logo que aprendín a estar aberto a ir improvisando sobre o que acontecía cada día". Aí sitúa o sentido do seu libro, na interpretación de cinco anos de historia nos que houbo un cambio político "cunha dimensión moi forte no caso galego". Suso de Toro propón unha "Galiza que se constrúe, en marcha, como un cabalo vivo, que temos que cabalgar e conducir".

O libro tamén é unha crítica a unha actitude dos galeguistas, "moi nosa, dos rexeneracionistas, da xente que nos preocupamos polo país, de complacernos na idea da Galiza como vítima histórica da opresión e do espolio". De Toro está convencido de que a "Galiza actual xa non é iso, senón que ten recursos e capacidade para decidir". Fronte a esa imaxe autocompracente quixo salientar que "pertencemos ao mundo da fartura, a esa Europa que está facendo fronteiras fronte ás verdadeiras vítimas hoxe, que están fóra de Europa e dos Estados Unidos".

Con todo, quixo facer alusión a unha loita ideolóxica, que tamén está presente no libro, fronte ao nacionalismo españolista, "que estes días vemos representado no famoso manifesto dos vinte intelectuais, que están en Madrid e se senten oprimidos". Segundo o autor, este grupo herdou a bandeira da extrema dereita desbotada polo PP, "unha actitude oportunista e descaradamente política, que está utilizando a algunhas persoas da cultura". Tildou este movemento de "españolismo xenófobo, que quere botar de España aos cidadáns galegofalantes, euscarofalantes e catalanfalantes". E engadiu: "a súa pretensión é reformar a Constitución e os estatutos ou mesmo eliminalos para que non collamos en España, é un manifesto separatista contra nós". Precisou que fronte a ese nacionalismo tamén é posíbel unha España distinta, "a da selección española, feita con xente de distintos lugares". Ese poder verse con naturalidade nesa selección diversa, no pensamendo de Suso de Toro, "non impide que reclamemos tamén o dereito a ter unha selección galega". Os seus artigos tentan trazar unha postura de equilibrio nesa complexidade. Así mesmo, sinalou que o galeguismo ten que revisar a súa teoría da lingua e comprender que non está unicamente asociada ao territorio, pois as sociedades xa non son homoxéneas lingüisticamente. Dunha banda reclamou unha garantía para os dereitos dos galegofalantes, "que non se nos trate como inmigrantes no noso propio país"; e doutra, sinalou a necesidade de buscar un modelo de convivencia co castelán asentado no país, "un xeito de organizar esa contradición".

Como novo proxecto literario o escritor desvelou que está facendo unha pescuda sobre a súa familia zamorana pola liña paterna para traballar con ese material.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Autores relacionados:

Libros da serie Crónica

Libros da serie Crónica

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |