Noticias

II Festa da Narración Oral de Galiza

"Cantar tamén é unha maneira de contar"

03-07-2008

Opina Manuel González, coordinador da festa, aludindo a unha das actividades deste ano (5 de xullo), os xogos de roda de Montserrat Rivera, compoñente do grupo Leilía.

Hai un ano un grupo de xente que se coñecían doutros proxectos en común decidiron organizarse como colectivo (Tatalo) para promover accións de recuperación da tradición oral galega xunto coa asociación Nova Escola Galega. Así naceu a Festa da Narración Oral de Galiza, que se celebra en Arca (O Pino), este ano o vindeiro sábado 5 de xullo. Engadíronlle á cita un epígrafe ben elocuente: "Sucedidos no camiño". O seu coordinador, Manuel González, lembra como toparon cun artigo de Xavier Docampo publicado na revista Fadamorgana, "no que falaba dun xénero denominado 'sucedido', cuxo elemento principal é o misterio e o que di o narrador nunca se ten por mentira". Ademais Arca é a última parada do Camiño antes de chegar a Compostela e por todos é sabido a cantidade de lendas, sucedidos e ruxe-ruxes que xerou tradicionalmente tan nomeada ruta, que aínda hoxe pode dar moito de si.

O seu referente é o "Maratón de los cuentos" da cidade de Guadalaxara, un evento que dura dous días e, en palabras de Manuel González, "ten multitude de actividades, nas que se fala unha morea de linguas, e un carácter popular, moi participativo". Pensaron que no país non había nada semellante e que era boa idea poñer algo en marcha.

A festa reúne narradores profesionais e afeccionados, coa "vontade de recuperar espazos e tempos para a oralidade". Segundo o organizador a oralidade non é un patrimonio irrecuperábel, pois "os textos perduraron grazas ao labor de moitos escritores, como Ánxel Fole e Álvaro Cunqueiro, e máis recentemente Carlos Reigosa". Ademais considera que "se está producindo un rexurdimento porque hai moitas persoas interesadas no tema e que fan pescudas dende o ensino e a universidade".

Nesa conquista de espazos Manuel González contempla as posibilidades das celebracións populares, "que vaian máis alá da exaltación gastronómica e lle fagan un sitio á narración oral", e das escolas, "coa organización de obradoiros mesmo a través das asociacións de pais de alumnos".

Precisamente o coordinador de Tatalo aludiu á capacidade escoitadora e contadora dos nenos e nenas, derrubando prexuízos sobre a súa escasa comunicación verbal por mor do uso do móbil e internet. Como profesor con experiencia directa nas aulas sinalou: "aos nenos, coma ós adultos, gústalles contar as súas vivencias, o que pasa é que o fan entre os seus pares; ademais son uns escoitadores moi críticos e esixentes e nas aulas decátaste perfectamente cando algo non lles parece ben pola súa expresividade corporal". Asegura que aos pequenos lles seguen encantando as historias e llas piden aos pais, "queren que llas conten sempre da mesma maneira, contos distintos pero co mesmo esquema, e se te desvías un chisco enseguida che din que así non era". Por iso, Manuel González, en nome do seu colectivo e múltiples colaboradores, reivindica a necesidade de "recuperar o poder máxico da oralidade".

Actividade nesta edición
A programación da festa comeza ás nove da mañá coa recepción e entrega de documentación da "Xornada sobre a oralidade para educadores/as", que segundo Manuel González "conxuga unha parte máis práctica con varios obradoiros, e outra teórica, con conferencias". Polo de agora hai apuntados na actividade noventa docentes, un evento que tivo xa boa acollida na anterior edición, polo que tiveron que duplicar as sesións. Entre os talleres para profesores González salientou o de Antón Cortizas, sobre a creación de romances, e o de Montserrat Rivera, sobre os xogos de roda, "que enlazan conto e canto, pois cantar tamén é unha maneira de contar". Os relatores serán Paula Carballeira e Bieito Iglesias.

Algúns dos contacontos profesionais que estiveron o ano pasado recuncan este, como é o caso de Cándido Pazó e Paula Carballeira. Este ano intervirán tamén Quico Cadaval, Xurxo Souto, Róber Bodegas, Eva Varela, Celso Sanmartín e Carlos Santiago. A música correrá a cargo de Espido, o dúo formado por Guadi Galego e Guille Fernández. O coordinador fala con entusiasmo da acollida e apoio por parte de todos eles, que mesmo lles dan novas ideas. Destaca como excepcional o caso de Paula Carballeira: "a súa implicación é tal que podemos considerala como unha colaboradora máis de Tatalo". González lembra a boa acollida que tivo a Festa da Narración Oral na súa primeira edición en 2007, en particular as súas sesións nos bares da vila: "ás tres da mañá aínda estaban repletos e a xente seguía pedindo contos".

Calquera pode ser protagonista nesta festa ofrecendo os seus "contos, chistes, sucedidos ou mesmo historias familiares", todo é ben acollido segundo Manuel González, que anima a todos os interesados a inscribirse chamando ao seu teléfono (666 576 611) ou a través da páxina web do colectivo Tatalo.

Aínda sen apuntarse, os máis ousados poden achegarse a Arca o vindeiro sábado e saír improvisadamente ao escenario, como xa sucedeu hai un ano. Ademais seica o paso cara á profesionalización é moi pequeno, e na pasada edición a veciña de Arca Eva Varela acadou tanto éxito que este ano decidiron contratala directamente.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Documentos:

Ligazóns:

Galería:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |