Noticias

Do 1 ao 10 de agosto

Libros que non arden

01-08-2008
Feira do libro da Coruña Feira do libro da Coruña
Comeza a Feira do libro da Coruña, a cita comercial máis importante do seu ámbito.

Máis de sesenta autores e a presentación de vinte e seis novidades editoriais galegas compoñen un programa de dez días en que os libros, arredor dos 150 mil, permanecerán nos xardíns de Méndez Núñez da cidade da Coruña. Cincuenta e dúas librarías participan nesta Feira organizada pola Federación de Libreiros de Galicia co apoio da Consellaría de Cultura, a máis importante a nivel comercial do calendario que levou a nosa creación literaria aos espazos públicos de seis das cidades, e de catro vilas, á espera de que cheguen as de Viveiro (do 13 ao 17 de agosto) e Foz (do 21 ao 24 de agosto).

As novidades editoriais que máis interese espertaron nos últimos meses contarán cun espazo para ser presentadas coa asistencia, na meirande parte dos casos, dos autores e dun membro da editora. Así, xa na xornada inaugural, Suso de Toro asinará exemplares do seu recente Outra Galiza, Fernando Cabeza Quiles presentará Toponimia de Galicia canda o xornalista Xesús Fraga e Carlos Lema, de Galaxia, e Herminio Barreiro asistirá para asomar a crónica dos tempos de aprendizaxe que é Recordar doe, acompañado por Narciso de Gabriel.

Mañá, día 2, Manuel Rivas presentará a compilación de artigos xornalísticos titulada Os Grouchos que recentemente tirou Edicións Xerais, acompañado por Manuel Bragado. E Francisco Pillado, director de Laoivento estará canda María Teresa Núñez Mayán para presentar Da segregación á inclusión educativa.

E nos vindeiros días irán pasando polos xardíns de Méndez Núñez Carme Blanco con Atracción total (domingo 3), Begoña Paz con As mellores intencións, Marcos Calveiro con Festina lente, tres dos últimos títulos de Xerais narrativa, e Luís González Tosar con Estúrdiga materia (luns 4), o seu novo poemario nunha edición especial de Galaxia.

A novela de Marcelino Fernández Mallo coa que Ézaro se inicia na edición en Galego, A trenza, o novo poemario de Antón Reixa, Látego de algas, publicado en Espiral Maior logo dun silencio de case unha década desde o disco-libro Escarnio ou os relatos de Incertos, de Antón Dobao, que estará acompañado por Francisco Fernández Naval, Miguelanxo Prado e Manuel Bragado centran a xornada do martes día 5.

O mércores 6 será a vez de Xosé Manuel Beiras con Por unha Galiza liberada e novos ensaios (Espiral Maior) e do Caderno de notas de Xenaro Mariñas del Valle, publicado por A Nosa Terra coa autoría de Pablo González Mariñas, Lino Braxe e Alexandrina Fernández Otero.

A triloxía Evanxélica memoria achegará á Coruña o seu autor, Xavier Alcalá, o editor Víctor Freixanes e mais o crítico Alfredo Ferreiro na tarde do xoves 7. Na xornada do venres o protagonismo será para o recital narrativo musical arredor da última novela de Xosé Carlos Caneiro, A vida nova de madame Bovary.

E xa na segunda fin de semana da Feira, o sábado na tarde Antón Riveiro Coello asinará exemplares da novela Os ollos de K e no derradeiro día, domingo 10, salienta a presentación dunha novidade da editorial Alvarellos, Balada de los mares del norte de Urbano Lugrís, en edición de Olivia Rodríguez que asistirá xunto co editor, Henrique Alvarellos, e con Manuel Rivas.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Documentos:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |