Noticias

Galiza non se vende

Festival do Condado

06-08-2008

Poesía, cinema e música como acto de resistencia fronte aos delirios da sociedade.

O Festival de Poesía do Condado quere que a súa edición de 2008 funcione como un punto de encontro dos colectivos integrados na plataforma Galiza Non Se Vende, a agrupación para a defensa do medio natural e dos intereses da xente fronte aos abusos das empresas e as administracións. Organizado pola Sociedade Cultural e Deportiva (SCD) do Condado, mantivo dende os inicios a arela por construír poder popular e apoiar as batallas en favor dos intereses cidadás.

A actividade comeza o xoves día 4 coa apertura das Xornadas Audiovisuais e a inauguración de varias exposicións de pintura (Fernando Morales e Helena Fontám), fotografía (German Cruces Rajoán) e poesía (Igor Lugrís, Poesía para ler, poesía para ver) nas Covas de Dona Urraca e na Casa do Conde. A partir das oito da tarde proxectaranse as curtametraxes gañadoras do Festival de Cans mais os documentais O salario do silencio, de Mabel Rivera e Enrique Banet, e As Encrobas, de Xosé Bocixa. Entrada a noite ofrecerán senllos recitais Tino Baz e Marica Campo.

O venres día 5 continúan as proxeccións cunha selección de vídeos de Galiza Non Se Vende e o documental Sants.tv 'O Ave de Barcelona a Galiza'. Deseguido na zona das murallas de Salvaterra de Miño desenvolveranse varios recitais e concertos presentados por Os da Ría. Nas letras: O Leo, Quico Neves, Carlos Figueiras, Valentina Carro e María Lado. E na música: Ataque Escampe, The Turre's Band, O Sonoro Maxín e Os Corvos (Portugal).

A última xornada, o sábado día 6, amencerá xa coas rúas ben animadas coa murga Sur do Condado, os Gaiteiros de Bailía, a compañía Touporroutou e un 'convoi de baixa velocidade'. Ao mediodía varios colectivos de Galicia Non Se Vende farán unha análise da actualidade nunha mesa redonda. As presentación vespertinas correrán a cargo de Luis Caruncho e o Pinto d'Herbón. A palabra entoarase coas voces de Xiana Arias, Pedro Casteleiro, Paco Souto, Concha Rousia, Cruz Martínez, Alberto Lema, Igor Lugrís, Lino Braxe, Chus Pato, Pilar Beiro, Nuria Martínez (Países Cataláns), Liman Boicha (Sáhara) e Isaque Ferreira (Portugal). Para o peche da festa subirán ao escenario A Quenlla, Canto da Terra (Portugal), Tabanka Djazz (Guinea-Bissau) e Pirats Sound Sistema (Países Cataláns).

Dende 1981
A SCD Condado naceu no ano 1973, tempos aínda difíciles de persecución e control, polo que os seus estatutos non se aprobaron ata o ano seguinte. A súa fin partía precisamente dese contexto, da necesidade de facer visíbel e revitalizar a cultura do país, para o que creou un cineclube e programou teatro, música e literatura. Na faceta deportiva impulsou a formación na súa bisbarra dun equipo de fútbol e dunha sección de piragüísmo e colaborou coas escolas para a promoción do deporte infantil.

En 1981 organizou o I Festival de Poesía do Condado, celebrado en Mondariz-Balneario. A cita repetiuse ano tras ano, agás no período 1996-2001, interrupción provocada por cuestións económicas e políticas. A Sociedade mantivo sempre un carácter reivindicativo, popular e nacionalista, con numerosos logros como o de mudar todos os nomes franquistas que perduraban nas rúas do concello de Salvaterra e galeguizalos.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Primeiro cartel do Festival

Primeiro cartel do Festival

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |