Noticias

Comeza o Viñetas'08

Unha BD máis comprometida

11-08-2008

O alzheimer, o autismo ou o cambio climático centran as mostras do Salón Internacional do Cómic da Coruña.
Viñetas desde o Altlántico'08, instalada dende hoxe ata o vindeiro 17 de agosto na cidade coruñesa, olla para o cómic "máis social e comprometido, focalizado nos problemas cotiás da sociedade". O director, Miguelanxo Prado, sinalou que a madureza do salón permite "abandonar os condicionantes apegados ao mercado para fixar a atención nos problemas de gran calado social".

O alzheimer, o autismo, o fenómeno dos 'avós coidadores' e o cambio climático son as temáticas que abrollan nas exposicións deste ano. Este é o caso da baseada no álbum Arrugas de Paco Roca, "unha visión real e tenra" da enfermidade do alzheimer. Pola súa banda, o proxecto gráfico O planeta fálanos mira cara ás consecuencias do cambio climático. E os orixinais da obra María e eu de Miguel Gallardo tratan, dende a proximidade paterna, o autismo infantil.

A vocación internacional do Viñetas fai posíbel convidar autores pouco asiduos nestos lindes, polo que os afeccionados poderán gozar, en palabras de Prado, con "presenzas de luxo". Un deles é o arxentino Francisco Solano López, "un mestre de debuxantes", cunha retrospectiva de El Eternauta.

Ademais asistirán o británico Mark Buckingham, autor da serie Fábulas e recentemente galardoado co Premio Eisner ao mellor debuxante; o estadounidense Howard Cruse, creador de Stuck Rubber Baby e Wendel; a parella formada por Catel Muller e José Luis Bocquet, pais de Kiki de Montparnase; Luc Brunschwig e Etienne Le Roux, autores d'A memoria dos petos; mais o francés de orixe libanés Olivier Ka, co seu álbum Por que matei a Pierre, unha historia autobiográfica "formalmente exquisita" sobre a memoria dunha personaxe que sufriu abusos na súa nenez.

A presenza da BD galega sentirase nas presentacións das novas publicacións de Faktoría K, El Patito Editorial, Retranca -cunha mostra propia titulada Retranca: lerasnos de morto se non nos les de vivo, que desvela os seus segredos-, BD Banda, o colectivo Polaqia -que estrea web- e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).

Como cata do cómic estatal asistirán a esta edición David Aja e Daniel Acuña. Aja comezou a traballar para Marvel no 2006 con varias historia curtas de X-Men. Acuña é o creador de Claus&Simon e traballa tamén para Marvel, onde se encarga de Os Eternos e DC.

Outra das novidades do Viñetas'08 é o abandono provisional da súa emblemática sede, o Kiosko Alfonso, e o seu traslado á Fundación Caixa Galicia. O motivo do cambio é a organización da exposición Alfonso IX e a súa época con motivo do 800 aniversario da cidade. Con todo, o salón espállase por outros recintos habituais, como o Palexco, o Palacio Municipal de María Pita, a sala Salvador de Madariaga e o Acuarium Finisterrae.

Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Autores relacionados:

Novas relacionadas:

Documentos:

Ligazóns:

Cartel deseñado por Jean Louis Tripp

Cartel deseñado por Jean Louis Tripp

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |