Noticias

Protexta 07

Chus Pato e Bieito Iglesias, cerna deste número

29-08-2008
Protexta 07 Protexta 07

A entrevista realizada con vagar e a crítica de novidades continúan o andar do suplemento de libros da revista Tempos.

Desde o inverno do 2006 en que vía a luz o primeiro Protexta, o suplemento de libros da revista Tempos Novos contou cun número que, en cada estación, quixo dar conta do estado de cousas nun campo literario en que a crítica continuaba fundamentalmente dentro das estremas do académico.

Este que fai o número sete ponnos nas mans coma adoito recensións de arredor de 30 libros de recente aparición, narrativa, poesía, teatro, ensaio, banda deseñada: Marcos Calveiro, Manuel Veiga, Xosé Carlos Caneiro, Alberto Lema, Andreu Martín, Ben Katchor, Julio Cortázar, Elfriede Jelinek, Xosé A. Neira Cruz, Virgine Despentes ou Miguel Anxo Murado son algúns dos autores das obras comentadas.

A portada e mais as páxinas centrais detéñense desta vez no proxecto poético de Chus Pato por medio dunha proposta de abecedario realizada polo xornalista Aurelio Castro. A profundidade e a fermosura das respostas fálannos dunha escrita en que se quere incluír o mundo, da dolorosa relación entre pensamento e realidade. O teórico Arturo Casas traza en ‘Ventre e logos’ o perfil da autora e Valentina Carro achégase á terceira parte da pentaloxía titulada método que Pato está a construír, o libro aparecido en Xerais neste ano, Hordas de escritura.

A publicación en Galaxia da novela Pan e coitelo dá pé a unha entrevista do coordinador da publicación, Iago Martínez, co narrador Bieito Iglesias. Mais a conversa agrándase e traza un certo mapa político da xeración do autor de Ourense, a súa relación coa cultura de masas ou a condición periférica inherente a escribir unha lingua acantoada.

Abre o número coas recomendacións que de lecturas para o verán sinalan Anxos Sumai, Daniel Salgado, María do Cebreiro ou María Lado canda un artigo da profesora Dolores Vilavedra en que ao tempo que defende a necesidade de superar a etiqueta 'literatura xuvenil' escolma algunhas propostas para lectores de calquera idade.
Antes do remate atopamos unha carta do guitarrista do grupo de rock Ataque Escampe e autor de dz ou o libro do esperma (Xerais, 2006), Samuel Solleiro, ao premio Nobel Saul Bellow a propósito da súa defensa da contención e da brevidade.

Logo dunha entrevista coa ilustradora Patricia Castelao en que fala dos seus referentes na literatura e na banda deseñada ou do seu proxecto con Manolo Rivas, o álbum O sombreiro chichiriteiro, que verá a luz nos vindeiros meses, pecha o número cunha achega de Belén Puñal, xornalista de Tempos, en que se dá noticia de aparicións recentes no ámbito do ensaio e se anuncian algunhas das novidades editoriais máis destacadas do trimestre vindeiro.

Desde este inverno, Protexta distribúese, ademais de canda a revista Tempos, con outras cabeceiras do seu grupo de comunicación, La Capital: El Ideal Gallego, Diario de Arousa, Diario de Bergantiños e Diario de Ferrol, o que sitúa o suplemento nunha tiraxe de 60.000 exemplares. Tamén podemos descargar a totalidade dos números desde o espazo web da revista que botou a andar na pasada primavera.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |