Noticias

Lecturas compartidas

Volven os clubs de lectura a Pontevedra

18-09-2008

A escolla de obras para ler en grupo inclúe clásicos universais e libros galegos recentes, dende Viginia Wolf a Xosé Miranda.
A delegada provincial de Cultura e Deporte, Mª Xesús López Escudeiro, a concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Dolores Dopico, e a coordinadora dos clubs de lectura, Eva López Rodríguez, presentaron esta mañá a segunda etapa dos clubs de lectura da cidade de Pontevedra. A campaña literaria reanúdase no mes de outubro en tres lugares: na Biblioteca Pública de Pontevedra, na Axencia de Lectura de Santa María de Xeve e no local da Asociación Sociocultural do Burgo.

Nesta segunda fase dos clubs de lectura, posta en marcha pola delegación provincial da Consellaría de Cultura e Deporte, as obras seleccionadas abranguen pezas clásicas universais, como As ondas de Virxina Woolf ou Madame Bovary de Flaubert, novelas contemporáneas como Deshonra do Premio Nobel surafricano Coetzee, e textos galegos como Morning Star, de Xosé Miranda. Os interesados en participar nestes grupos de lectores poderán inscribirse a partir deste venres 19 de setembro a través do correo electrónico clublecturapontevedra@gmail.com.

Ademais de asistir ás reunións, tamén se pode participar no debate mediante a rede, a través dos espazos www.blogoteca.com/clvpontevedra e www.blogoteca.com/clpontevedra. Unha opción que se inclúe debido a que as dúas webs rexistraron na pasada edición unha extraordinaria actividade, recibindo máis de 6.000 visitas, demostrando o interese dos pontevedreses pola discusión literaria en grupo.

Máis títulos
Outras das obras que se abordarán nesta segunda edición dos clubs de lectura en Pontevedra son: Eu servín ao rei de Inglaterra, do checo Bohumil Hrabal; Os ollos de K de Antón Riveiro Coello, obra con toques de novela negra; As palabras da néboa de Francisco Castro, texto de aventuras; ou Ácaros verdes de Pilar Buela, unha recreación dos útlimos días de Adolf Hitler a través do testemuño ficticio de Eva Braun e Magda Goebbels, a esposa do coñecido ministro de propaganda nazi.

Con todos estes títulos quérese afondar no coñecemento dos lectores de obras dos máis variados estilos e autores, ampliando o criterio con respecto á edición anterior máis centrada na literatura galega.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |