Esta escolla "entra na dimensión de facer visíbel o que acotío permanece agochado", explica o escritor.
A boa acollida por parte da crítica e dos lectores franceses é un dos motivos polos que a última novela de Rivas está tamén entre as dez obras seleccionadas para o Premio France Culture-Télérama, para el outra boa "axuda á súa proxección porque conleva unha emisión en Radio France de anacos do texto".
É mostra do éxito acadado en Francia por Os libros arden mal o artigo publicado no xornal Libération polo xornalista Philippe Lançon, enviado especial na Coruña para visitar as principais localizacións da novela.
En palabras do autor, os valores que lle outorgan este recoñecemento están relacionados con que "sexa unha obra que non só reflicte a historia, senón que loita contra ela, como dicía Barthes, os libros máis que relatar teñen que loitar coa historia". Ademais, segundo Rivas, a novela "provoca preguntas continuamente, é un enfrontamento entre a pulsión da morte e do desexo, unha reexistencia na que o tempo non é o convencional, o fume dalgunhas fogueiras aínda está controlando as mentes e é o fume máis tóxico".
O xeito de contar en círculos concéntricos, a modo de esfera armilar, tamén provoca unha atracción. "Cada capítulo é un esforzo expresivo no que intentei abranguer as diferentes propostas expresivas do pasado século e do presente", explica o escritor.
No tocante á internacionalización da literatura galega a esperanza de Rivas é "soñar cunha Galicia na que todos fósemos máis compañeiros, como cando naceu a plataforma Nunca Máis, facer algo como o que fixeron os italianos no cinema co neorrealismo, deixar un froito neste planeta, que xa se deu noutras épocas".