Noticias

Fomento da Lectura

Mares e mareas de libros en Allariz

06-10-2008

Volven as Semanas do Libro e da Lectura con música, teatro e obradoiros para todos os públicos.

Tras o acougo estival reinícianse as Semanas do Libro e da Lectura, desta volta coa saída na vila ourensá de Allariz. O mar é o tema debullado este ano, o mesmo sobre o que xirou o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, do que as Semanas están sendo continuadoras.

Onte, domingo día 5, encargouse da inauguración o grupo Stranniki, que realizou unha viaxe musical polo Atlántico percorrendo as pezas lisboetas, porteñas ou cariocas máis populares. A clausura, o vindeiro sábado día 11, correrá a cargo da compañía Os Quinquilláns, que levarán a escena O mago de Oz.

Ao longo da semana, os alumnos dos centros educativos de Allariz, os seus pais, os profesores e o público en xeral, poden gozar dunha serie de actividades programadas para fomentar o seu interese polo libro e a lectura.

Sabela Gago desenvolve un obradoiro de teatro para fomentar as dinámicas de dramatización e improvisación entre os cativos e, ao mesmo tempo, estimular o seu pensamento diverxente e a súa imaxinación. Nunha liña paralela traballan os membros da compañía Titiritempo, que imparten un taller de monicreques para xogar coa expresividade.

Co obxectivo de fomentar a creatividade entre os pequenos Marisa Irimia e Eduardo Hermida propoñen senllos obradoiros de ilustración e pintura, este último en clave de arte pop. Lucía Rodríguez retoma o tema das Semanas, o mar, como contido e continente das historias que os nenos van formalizar no seu taller de escrita creativa. Completan o bloque de encontros co alumnado os obradoiros de educación ambiental e de cantigas e contos, desenvolvidos, respectivamente, por Terranova e Servando Barreiro.

Contos para todos os públicos
A ponte entre pequenos e maiores establécea Celso Fernández Sanmartín con dúas aulas de contacontos na procura da espontaneidade e a frescura nos xeitos de contar dos nenos e dos adultos. Teatro, contos, xogos e fantasía para divertir e facer pensar mestúranse nas actividades para todos os públicos, historias dramatizadas por Marisa Irimia, Manolo Vázquez (Berrobambán Teatro), Charo Pita, Servando Barreiro e a compañía Trinke Trinke.

Coa fin de dotar aos especialistas da educación de ferramentas para empregar nas aulas a Semana do Libro e da Lectura de Allariz inclúe cinco obradoiros específicos para o profesorado: de animación á lectura a través do teatro, de expresión teatral, de educación ambiental, 'Crear creadores' e de animación á escrita, este último impartido por Xabier P. Docampo.

Este programa anual de fomento da lectura, que conta na coordinación coa experiencia do traballo da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, viaxará por outros catro concellos até xaneiro de 2009: O Porriño, Moaña, Noia e Barbadás. O programa específico para cada lugar está acompañado de tres exposicións permanentes, unha de libros cedidos polas editoriais, outra de ilustradores e ilustradoras e a última de materiais elaborados por estudantes.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |