Noticias

Libros a mares

Semana do Libro e da Lectura no Porriño

14-10-2008

Segunda cita do outono para estimular a lectura cunha programación diversa de obradoiros e espectáculos, aberta por Migallas Teatro.

Logo da arrinque outonal de Allariz, as Semanas do Libro e da Lectura arriban ao Porriño. Ao longo da semana, os alumnos dos centros educativos do Porriño, os seus pais, os profesores e o público en xeral, poden gozar dunha serie de actividades programadas para estimular a súa vocación lectora.

O vindeiro domingo 19 a mediodía inaugúranse as actividades co espectáculo Canta connosco!, que mestura cancións con actuacións dramáticas. Nesta peza a compañía Migallas debulla as vantaxes da imaxinación, a lectura ou a música, en definitiva a arte e a creatividade, fronte ao automatismo da sociedade.

Abre a quenda de obradoiros, Eduardo Hermida, cun taller de pintura no que propón traballar coas iconografías da arte pop, asentadas nos produtos da vida cotiá: sopa de bote, pasta de dentes ou xeados. Dilúe educación plástica e poética a actividade de OQO a través dos poemas que Xosé María Álvarez Blázquez lle dedicou á súa filla Colorín.

O teatro como ferramenta de comunicación e socialización permítelles aos nenos expresar sentimentos e emocións, á vez que ideas. Chus Álvarez desenvolve xogos teatrais para experimentar no corpo e na voz personaxes, mundos e palabras novas. Nesta liña funcionan tamén os obradoiros de monicreques propostos por Galitoon e Títeres Cascanueces mais os contacontos de Anxo Moure, Servando Barreiro e Celso Fernández Sanmartín, na procura de que a lingua non se poña de trapo.

Mercedes Prieto embarca cos cativos no buque das danzas do mundo para atopar as diferenzas e as semellanzas da galega coas demais culturas.

Lucía Rodríguez retoma o tema das Semanas, o mar, como contido e continente das historias que os nenos van formalizar no seu taller de escrita creativa. Tamén anima a xogar coas palabras Antón Cortizas, para camiñar pola verea da fantasía.

Completan o bloque de encontros co alumnado os obradoiros de educación ambiental de Terranova.

Contacontos e formación para adultos
Repiten contacontos cos maiores Anxo Moure e Servando Barreiro. Humor e maxia para divertir e facer pensar mestúranse nas sesións pensadas para todos os públicos: os piratas, sereas e monstros de Pavís-Pavós, Manolo Vázquez de Berrobambán Teatro e a Compañía do Trinke Trinke.

Coa fin de dotar aos especialistas da educación de ferramentas para empregar nas aulas a Semana do Libro e da Lectura do Porriño inclúe cinco obradoiros específicos para o profesorado: de expresión teatral, de educación ambiental, de ilustración, de danza e de escrita creativa.

A clausura da Semana do Libro e da Lectura do Porriño terá lugar o sábado 25 e correrá a cargo da compañía Títeres Cascanueces, que escenifican A rúa das pantasmas, un relato dos enxeños de María e as trasnadas de Xoanciño para vencer as pantasmas.

Este programa anual de fomento da lectura, que conta na coordinación coa experiencia do traballo da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, viaxará por outros tres concellos até xaneiro de 2009: Moaña, Noia e Barbadás. O programa específico para cada lugar está acompañado de tres exposicións permanentes, unha de libros cedidos polas editoriais, outra de ilustradores e ilustradoras e a última de materiais elaborados por estudantes.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |