Noticias

Premio de LIX

Carlos López gaña o Raíña Lupa

28-10-2008

A obra, "A peripecia de Roi", é "unha aventura chea de fantasía e un humor próximo ao absurdo", segundo o xurado.

A obra A peripecia de Roi do guionista do dúo de humor gráfico Pinto & Chinto, Carlos López Gómez, foi seleccionada como gañadora da VII edición do premio de Literatura Infantil e Xuvenil Raíña Lupa, convocado pola Deputación da Coruña, e dotado con 6.500 euros e a publicación da obra gañadora. López Gómez xa obtivo o ano pasado Merlín coa súa obra Minimaladas, despundando así nos xeneros infantil e xuvenil.

A resolución do xurado foi dada a coñecer esta mañá nunha rolda de prensa que contou coa asistencia da deputada responsábel da área de Cultura da institución provincial, Caridad González Cerviño, o comisario do certame, Xavier P. Docampo, e a voceira do xurado, Yolanda Castaño.

A poeta definiu o texto como "unha aventura chea de fantasía, inzada de humor próximo ao absurdo e ao surrealismo, que vai conectar cos gustos dos máis cativos". O xurado estivo integrado, ademais, polo director da Biblioteca Nova 33 da Fundación Caixa Galicia, Pedro Lucas, o escritor e tradutor Ignacio Chao, o profesor e crítico literario Ramón Nicolás e o gañador da última edición do certame, o escritor ferrolán Antonio Yáñez.

Destaca a ampla participación nesta convocatoria do premio, á que se presentaron un total de 31 orixinais. O Raíña Lupa é un certame que pretende estimular o hábito da lector entre os máis pequenos, así como contribuír á aparición de novos talentos neste eido literario, ás veces inxustamente infravalorado.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |