Noticias

Do 9 ao 15 de novembro

Semana do Libro e da Lectura en Moaña

06-11-2008

Continúa a actividade das Semanas do Libro e da Lectura cunha programación diversa de obradoiros e espectáculos, aberta por Migallas Teatro.

Logo da arrinque outonal de Allariz, e O Porriño as Semanas do Libro e da Lectura chegan a Moaña. Ao longo da semana, os alumnos dos centros educativos da vila do Morrazo, os seus pais, os profesores e o público en xeral, poden gozar dunha serie de actividades programadas para estimular a súa vocación lectora.

O vindeiro domingo 9 ao mediodía inaugúranse as actividades co espectáculo Canta connosco!, que mestura cancións con actuacións dramáticas. Nesta peza a compañía Migallas debulla as vantaxes da imaxinación, a lectura ou a música, en definitiva a arte e a creatividade, fronte ao automatismo da sociedade.

Abre a quenda de obradoiros o mércores 13 co ilustrador Tokio, cunha actividade que fará por demostrar as moitas maneiras diferentes de ilustrar para descubrir este mundo novo e de pasalo ben debuxando.

O seguinte será de Lingua, realizado pola compañía Reverso coa pretensión de pór o alumnado en contacto con estereotipos e prexuízos con exemplos próximos e de relacionar estes co ámbito da lingua.

Lucía Rodríguez retoma o tema das Semanas, o mar, como contido e continente das historias que os nenos van formalizar no seu taller de escrita creativa. Tamén anima a xogar coas palabras Antón Cortizas, para camiñar pola verea da fantasía.

O teatro como ferramenta de comunicación e socialización permítelles aos nenos expresar sentimentos e emocións, á vez que ideas. Nesta liña van os obradoiros de monicreques propostos por Títeres Cascanueces e mais por Galitoon para educación infantil e primaria, respectivamente.

O obradoiro de contacontos de Anxo Moure, de contos e cántigas don Servando Barreiro, de pintura pop con Eduardo Hermida e de educación ambiental con Terranova completan as actividades concertadas cos centros de ensino e pensadas especificamente para nenos e nenas.

Contacontos e formación para docentes

No apartado de accións pensadas para todos os públicos repite Anxo Moure coas súas historias a propósito do coidado ao medio natural, igual ca Servando Barreiro coa achega da música. Tamén haberá sesións coas compañías de contacontos Pavís Pavós e Trinke Trinke e Benxamín Míguez Novoa mostrará unha conxunción de fantasía e xogo.

Co fin de fornecerlles aos docentes ferramentas para empregar nas aulas, a Semana do Libro e da Lectura inclúe ademais cinco obradoiros específicos: un seminario que percorre a poesía do mar realizado por Marta Dacosta, un obradoiro de escrita creativa con Antón Cortizas, outro de expresión teatral con Cascanueces, de educación ambiental con Terranova e de animación á escrita con María Jesús Álvarez Fernández.

Estes cursos para o proferosado así como os pensados para alumnos e alumnas precisan formalizar unha inscrición que pode realizarse por medio da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (información@as-pg.com; 981 278259).

Completarán a actividade da Semana exposcións con volumes cedidos polas editoras de temática mariña, traballos de ilustración e outros materioais realizados polo alumnado.




Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |