Neste outono van alá as Semanas do Libro e da Lectura de Allariz, O Porriño e Moaña e chega agora a penúltima a que se vai desenvolver en Noia. Ao longo da semana, os alumnos dos centros educativos da vila, os seus pais, os profesores e o público en xeral, poden gozar dunha serie de actividades programadas para estimular a súa vocación lectora. a Consellaría de Cultura promove esta actividade que está coordinadas pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG).
O vindeiro domingo 23 ao mediodía inaugúranse as actividades co espectáculo Canta connosco!, que mestura cancións con actuacións dramáticas. Nesta peza a compañía Migallas debulla as vantaxes da imaxinación, a lectura ou a música, en definitiva a arte e a creatividade, fronte ao automatismo da sociedade.
Abre a quenda de obradoiros o luns 24 con Galitoon e o seu traballo cos monicreques para, a través da dramatización, crear situacións comunicativas e os contacontos de Anxo Moure, unha proposta de darlle vida aos contos por medio da oralidade.
O martes será a vez dun obradoiro de plástica con OQO, unha achega visual á poesía a partir do volume O que ben che quer que Álvarez Blázquez lle dedicou á súa filla Colorín e que a editora de Pontevedra tirou neste ano con ilustracións de Berta Cáccamo. E o seguinte será de Lingua, realizado pola compañía Reverso coa pretensión de pór o alumnado en contacto con estereotipos e prexuízos con exemplos próximos e de relacionar estes co ámbito da lingua.
Nekane Fernández traballará o mércores 26 a expresión corporal incidindo en aspectos pouco traballados na escola, os sentimentos, a intuición ou a creatividade, a través do xogo. Nesa mesma xornada o obradoiro de ilustración de Marisa Irimia demostrará como pasalo ben debuxando e tratará de plasmar as súas conexións coa fantasía.
A música e os romances serán amosados no día 27 por Antón Castro nun percorrido polo cancioneiro tradicional galego acompañado por instrumentos de uso cotián. Tamén será a xornada de “Bicoca de boca en boca ou Contos que non falten” o obradoiro en que Celso Fernández Sanmartín ensina que o que se conta non é unha cifra exacta.
O obradoiro de pintura pop con Eduardo Hermida nun repaso polas iconas máis recoñecíbeis deste movemento e a educación ambiental e a sensibilidade cara a manter o equilibrio natural con Terranova completan o venres as actividades concertadas cos centros de ensino e pensadas especificamente para nenos e nenas.
Contacontos e formación para docentes
No apartado de accións pensadas para as familias estará o mércores 26 a compañía Pavís Pavós coas súas propostas de animación á lectura para nais e pais.
Co fin de fornecerlles aos docentes ferramentas para empregar nas aulas, a Semana do Libro e da Lectura inclúe ademais cinco obradoiros específicos para o profesorado en que repetirán obradoiro, neste caso deseñado con finalidade didáctica a editorial OQO na ilustración, Nekane Fernández no teatro e expresión corporal, Antón Castro na música, Terranova para o medio natural e sumarase Titiritempo o luns 24 no traballo con monicreques.
Os contacontos protagonizan a actividade aberta a todos os públicos que elvarán a cabo Anxo Moure, Servando Barreiro, Marisa Irimia, Celso Fernéndez Sanmartín e a compañía Trinke Trinke.
Estes cursos para o profesorado así como os pensados para alumnos e alumnas precisan formalizar unha inscrición que pode realizarse por medio da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (información@as-pg.com; 981 278259).
Completarán a actividade da Semana exposicións con volumes cedidos polas editoras de temática mariña, traballos de ilustración e outros materiais realizados polo alumnado e a clausura será o domingo 29 con The Pinga Teatro e a historia de Quintiño titulada O rei dos mares.