Noticias

OURENSE

Dixitalizar o patrimonio bibliográfico

12-11-2009

A Consellaría de Cultura e Turismo coordinará a dixitalización de fondos antigos a través da Biblioteca de Galicia.

O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, anunciou que a Biblioteca de Galicia impulsará a conservación do patrimonio bibliográfico e proxectos de formación de técnicos e bibliotecarios. Fíxoo durante a visita que realizou este mércores á biblioteca da Fundación Casdemiro e á da Deputación de Ourense.

A Biblioteca de Galicia vai “coordinar e integrar proxectos levados a cabo en diferentes centros, formación de técnicos e bibliotecarios, cofinanciamento de proxectos ou a colaboración na distribución dos contidos dixitais”, explicou Francisco López. Destacou que en Ourense a consellaría impulsará a dixitalización dos fondos de entidades como a Fundación Casdemiro, que alberga o legado do intelectual Julio Francisco Ogando, ou a da Deputación de Ourense, con fondos como as bibliotecas Blanco Amor e Ben-Cho Shey.

A Biblioteca de Galicia xa vén traballando dende hai anos con diversos arquivos ourensáns no apoio, formación e catalogación de fondos: a biblioteca da Catedral, a do Seminario, a da Deputación, a da Fundación Casdemiro ou a biblioteca nodal de Ourense. Francisco López salientou a tradición editorial, impresora e literaria da cidade de Ourense.

O legado de Julio Francisco Ogando

O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura valorou o estado actual das coleccións na cidade de Ourense: a Colección de Anselmo López Morais –doada á Biblioteca Nodal-, ou as coleccións de Blanco Amor e Ben-Cho Shey –na Biblioteca da Deputación-, herdanza do bo facer de anos anteriores. Francisco López atribuíu este éxito á “interesantísima produción de libros e excelentes coleccións conservadas grazas ao esforzo e entrega de bibliotecarios e autoridades que completa, dá vida e ao tempo converte en tesouro público”.

Mención especial mereceu a biblioteca de Julio Francisco Ogando, na Fundación Casdemiro. Esta importante figura da cultura galega é “un dos mellores exemplos de entrega á recuperación da historia e patrimonio ourensáns, a través dos seus estudos e investigacións e da extraordinaria colección de libros e folletos impresos e de publicacións periódicas que foi atesourando”, afirmou Francisco López. A Fundación Casdemiro xestiona un importante legado intelectual e material con máis de 20 mil libros, 2.5000 caixas con xornais e revistas do século XX e arredor de 700 caixas co arquivo persoal do profesor, fichas de libros e outros documentos.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |