Palabras na solaina
Turismo e literatura

Con esta campaña, a Consellaría de Cultura e Deporte quere destacar a presenza dos escritores e escritoras na súa propia comarca. Hoteis e casas rurais reciben mediante este programa un lote de libros de xeito que quen visite a comarca, alén da súa paisaxe ou o seu patrimonio monumental, coñecerá tamén a literatura que crearon os escritores ou escritoras que tiveron o seu berce ou o seu lugar de creación nesa mesma terra.
Cada escolma contén 24 libros de información e de divulgación sobre a lingua, a gastronomía, a historia e a cultura galegas, así como 7 obras de poesía e 6 novelas e coleccións de relatos, ademais dos títulos escritos polo autor ou autora adscrito a cada zona.
Grazas a este proxecto, as casas de hospedaxe da comarca de Sarria teñen nas súas bibliotecas os libros de Fiz Vergara Vilariño, o autor vencellado ás sorprendentes terras do Lóuzara. En Noia, os volumes de Avilés de Taramancos son carta de presentación en hoteis e casas rurais de toda esta comarca que vive á beira dun mar que ecoa a voz do poeta: "Se solto a voz do mar, /vólve-se ceibe, medra no vento, e ven/ desde unha hora antiga, aínda diáfana, /traendo a miña voz doutras idades". Cunqueiro é o protagonista en Mondoñedo, Celso Emilio Ferreiro en Celanova, Luz Pozo en Ribadeo... A lista é longa e segue a medrar.
Imprimir