
Ao longo das súas tres décadas de existencia, o sector editorial galego do libro mantívose sempre en evolución constante. Malia que o do libro é xa un mercado maduro e estábel en Galicia, o sector continúa a medrar ano a ano en produción e vendas. Se durante os anos oitenta os índices de negocio se moveron en magnitudes cativas, a década dos noventa supón o primeiro despunte da edición galega, permitindo a consolidación das empresas existentes e propiciando o nacemento de numerosas editoriais novas. Co cambio de século e até a etapa actual, a industria do libro galego coñece un segundo momento álxido que permite chegar a edicións anuais catro veces superiores ás de hai vinte anos.
Na actualidade, case toda a industria editorial galega están integrada na Asociación Galega de Editores. Son 44 empresas das cales arredor do 45% son editoras pequenas que tamén desenvolven actividades no ámbito da cultura e da comunicación; un 15% pertence a grupos editoriais de grande tamaño; e o 40% restante está composto por editoras medianas dedicadas unicamente á publicación de libros.