O marco legal das letras

A aprobación, ao longo de 2007, de cadansúa lei do libro e da lectura por parte dos parlamentos galego e español dá conta do carácter estratéxico e prioritario que as institucións públicas recoñecen ao sector editorial pola súa importancia cultural, social e económica, como instrumento para a expresión do dereito á creación, á promoción e á divulgación da cultura, da historia e da lingua.
As institucións son conscientes de que, ademais da súa dimensión de ben cultural, que cómpre preservar e promover, o libro é tamén un ben económico que debe ser regulamentado e apoiado, e debe garantirse que a súa produción, difusión e gozo se realice consonte a súa condición de dereito cultural de todos os galegos e galegas e as esixencias de pluralismo e diversidade propios dunha sociedade libre.
Neste apartado compílanse aqueles documentos que rexen a política do libro e da lectura no noso país e no Estado. Poderase acceder a documentación lexislativa e informes que as iniciativas de promoción da lectura e do libro vaian xerando.
Imprimir