Esta iniciativa, ideada no departamento de Normalización Lingüística do Concello de Carballo, xa se converteu en cuestión de meses nun dos clubs de lectura de referencia grazas ao seu labor de promoción da lectura e do libro en galego. O seu funcionamento é sinxelo: o club elixe tres libros por trimestre e, o último mércores de cada mes, recibe o autor ou autora do título correspondente. O espazo para as latricas entre creadores e lectores vai rotando entre diversos estabelecementos hostaleiros da vila.
Moitos dos nomes que máis soan no noso panorama literario xa pasaron por algún café, cervexaría ou taberna de Carballo: Diego Ameixeiras, Teresa Moure, Suso de Toro, Uxía Casal, Francisco Castro, María Reimóndez, Séchu Sende... Antes do remate de 2007, os encontros de Literactúa aínda darán a benvida a Carlos G. Meixide, que virá falar da súa novela O home inédito, e mais a Manuel Rivas, que conversará cos asistentes a propósito de Os libros arden mal.