Entrevistas

PROFESOR DE HISTORIA CONTEMPORÁNEA

Libros da memoria da man de Lourenzo Fernández Prieto

Lourenzo Fernández Prieto Lourenzo Fernández Prieto
02-05-2006
Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa, Ribadeo, 1961) é catedrático de Historia Contemporánea na USC, especialista en
historia agraria e mundo rural, e director do Departamento de Historia Contemporánea e de América da USC. Ten publicado
varios artigos en revistas e monografías, ademais de varios libros, entre eles Labregos con ciencia, premio da Crítica
e Losada Diéguez de Investigación.
En que momento estamos da investigación historiográfica sobre a Guerra Civil en Galiza?
Ben, pódese dicir que houbo varias etapas na construción da historiografía: nun primeiro momento, coa morte de Franco apareceron sobre todo testemuños de represaliados, como o libro de Díaz Fernández, Os que non morreron. A seguir, houbo un momento no que varios xornalistas preocupados polo que acontecera deciden afondar na historia: velaí os exemplos de Carlos Reigosa ou Vítor Freixanes (O Fresco. Memoria dun fuxido)... E no 82 chega El Alzamiento de 1936 en Galicia de Carlos Fernández. Hai que ter en conta que neste momento está moi recente un intento de golpe de Estado, o 23-F, e iso fai que a preocupación pola ditadura estea moi próxima. Un libro moi sintomático foi o de Gregorio Sanz. Nos 90 abrolla o traballo dos historiadores, xa con certa distancia temporal. Aparecen moitos investigadores cun interese particular nun zona, coma Amancio Liñares sobre Negreira e chegarán traballos de investigadores por libre, coma
Ramallo ou Luís Lamela (Estampas de injusticia. La guerra del 36 en A Coruña y los documentos originados en la represión); e xa o traballo de historiadores: son teses doutourais que tardan tempo en saír do prelo, coma a de Chus Souto, que comezou no 89 e foi publicada en 1998 –La represión franquista en la provincia de Lugo (1936-1940)–, ou estudos pioneiros coma o de Marc Wouters, 1936. Os primeiros días. Logo chegan máis estudos locais, coma os de Bernardo Máiz, Rodríguez
Teixeiro, Xulio Prada... E a compilación de Carlos Velasco, 1936. Represión e alzamento militar en Galiza. Agora estamos nun
momento de reconstrución.

E que territorios escuros se atopan aínda dentro dese corpus historiográfico?
Pois aínda está por facer a historia das consecuencias psíquicas, sociais e psicosociais da represión. O abano de vítimas é moi amplo, e tendemos a mirar para os fusilados, pero tamén hai que ter conta aos presos, e, as historias máis silenciadas pola vergoña e polo medo, a violencia contra as mulleres. A historia das violacións, do acoso, da marxinación
e o propio medo trasmitido ás xeracións posteriores, son pegadas que non son tan evidentes, pero están aí. Cando teñamos recuperada a historia das mortes e a represión máis directa haberá que comezar a afondar nestas historias soterradas, pero con terríbeis consecuencias.

Como se está a vivir, a nivel do público, este Ano da Memoria?
O proxecto reúne memoria oral das testemuñas, e un catálogo das vítimas elaborado a través de fontes xudiciais e escritas. O feito de que exista unha declaración institucional do 2006 como o Ano da Memoria é tremendamente positivo, porque a xente que, durante xeracións calou por medo ou vergoña, está comezando a remexer no seu pasado... Son moi importantes neste proceso a recollida de testemuños orais e as fontes documentais. Coma exemplo, hai pouco, unha filla dun concelleiro compostelán que fora fusilado comezou a investigar sobre algo que ela descoñecía, porque riña cinco anos cando aconteceu. Dende o punto de vista persoal é moi importante saber quen es, e se che ocultan algo do teu pasado, fáltache algo da túa identidade. Ser vítima éra até hai pouco un estigma, e agora comézase a dignificar esa memoria, non como antes que era silenciada, agachada, e mesmo ridiculizada; eran "batalliñas do avó."

E cales son as expectativas para este Ano?
Recompilar a memoria dos vencidos para poder construír a historia dende abaixo. Até agora só tivemos unha versión, a dos vencedores. Agora estamos en moi boas condicións para comezar a mirar de xeito crítico a historia, reunir todo o material posíbel e buscar a resposta a algunhas preguntas: por que houbo xente que matou aos seus veciños? De onde viña esa violencia xerada? Non da República, que nos foi contada como o caos dende posicións políticas interesadas. É importante ter todas as visións e recopilar todo o material posíbel para termos un arquivo sobre o que empezar a construír a Historia.

Imprimir

Lecturas temáticas:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |