LECTORA DE GALEGO NA BRETAÑA
Olga Novo: "Unha poética feminista evidencia desde onde se fala"

Olga Novo
04-05-2007
Olga Novo naceu en 1975 na aldea de Vilarmao, na Pobra do Brollón. Licenciouse en Filoloxía Galego-portuguesa e na actualidade, traballa como lectora de galego na Universidade de Rennes, en Bretaña.
Colabora en diversas publicacións periódicas, entre elas Unión Libre. Cadernos de vida e cultura, Moenia ou Boletín Galego de Literatura. A súa obra poética deuse á luz a través de revistas como Dorna, Festa da palabra silenciada, Ólisbos ou Clave Orión. En libro, publicou os poemarios A teta sobre o sol (1995, reeditado en 1999), Nós nus (1996), A cousa vermella (2004) –que inclúe os poemas da edición de artista Magnalia, de 2001– ou os estudos Por un vocabulario galego do sexo. A terminoloxía erótica de Claudio Rodríguez Fer (1996), O lume vital de Claudio Rodríguez Fer (1999) e Lingua loaira (2004), sobre Uxío Novoneyra. Por Daniel Salgado.
N'A cousa vermella, Olga Novo (Vilarmao, 1975) embárcase nunha poética enraizada que se mira nos avances surrealistas. Telúrico, sensual, violento, o último libro de Olga Novo marcou un cimo na traxectoria literaria da autora. "O certo é que case nunca teño proxectos entre mans", explica, "xorden por medio de afinidades electivas, por momentos de pulo creativo". E asegura: "Escribo cando se me impón a necesidade profunda da expresión."
Cal é o feito diferencial da poesía feminina?
Os estudos de xénero teñen amosado reflexións centrais a este respecto, ás que eu me sumo. Así, non considero que exista unha poesía "feminina" senón, máis ben, unha coincidencia nunha serie de temáticas ou rexistros que poden ser comúns a distintas autoras polo feito de compartiren vivencias e experiencias no seo dunha sociedade que si marca e condiciona os roles xenéricos. En Galiza, o vivo ronsel das diferenzas lévanos a un mosaico creativo, rico e plural, que pode ter como sinais de identidade unha ollada especial desde o noso especial lugar no mundo, mais cada unha co seu lugar especifico na mente, no sentir e no espazo.
Que achega a poesía escrita por mulleres nos noventa á literatura galega?
Constituíu unha especie de moda que, malia ter o aspecto negativo que teñen todas as modas, tivo, desde logo, un aspecto positivo: abrir portas e dar a coñecer novas voces que traían canda elas outro mundo, unha música distinta, un corpo do que se sabían donas, unha palabra que non se detiña ante nada. A rebeldía e a radicalidade desas mozas que hoxe empezan a non selo lucindo fermosas canas ao ar e madureza na mente, hai que entendela en termos de sistema literario e de herdanza matrilineal. E nesa herdanza, as mulleres escritoras que nos precederon prepararon totalmente o terreo para que puidese darse tal eclosión.
Quen as precedeu?
Falo da apertura dos estudos feministas no eido literario de Carmen Blanco ou da reflexión filosófica de María Xosé Agra, da plataforma do feminismo independente con expresión n'A Festa da Palabra Silenciada, á fronte da cal se sitúa unha das figuras máis importantes do feminismo, María Xosé Queizán. Sen elas, as erofanías libres de Yolanda Castaño non se abrirían paso no seu excepcional brillo, non leriamos as entrañas da linguaxe dislocada de Emma Couceiro ou a concreción do berro espasmódico de Lupe Gomez, por citar só algúns dos nomes imprescindíbeis. E por suposto, as poetas dos 90 somos, nós mesmas, un elo máis da cadea...
Que hai de político na poesía feminista?
Se temos en conta que ningún discurso é neutro, que todo é político, tamén o privado, a poesía chamada feminista sitúase na esfera dun discurso non-oculto, un discurso da evidencia ideolóxica que amosa claramente desde onde falamos, quen somos, que pedimos, que sentimos. Unha poética feminista non agocha a marca xenérica, non se oculta tras o xenérico masculino baleiro de sentido senón que se alza sobre unha experiencia de vida e de linguaxe propias. O corpo e a voz son tamén res pública, son política. Dicirnos como somos e non como nos ven, ese é o noso cuarto propio.
Na súa obra detéctase unha forte pegada do surrealismo...
Trátase, en realidade, dun efecto da importancia do surrealismo na miña vida como corpus filosófico. Amor, liberdade e poesía, eses son os tres grandes piares básicos nos que se asenta o pensamento surrealista, como manifestou André Breton e como pintou e escribiu o noso Eugenio Granell. Amor libre, liberdade amorosa e poesía que os contén a ambos. Mais tamén o humor como forza de avance e destrución das grandes verdades que non existen, o pulo libertario, a amizade profunda, a lectura pasional, a viaxe infinda, a pureza das conviccións, a xuventude aos oitenta. Para min é isto o surrealismo, máis alá de toda escola literaria, de todo estilo poético, mais alá de toda forma, onde o fondo perdura e se fai pensamento, sentimento e palabra.
Imprimir