PROFESORA DE LINGUA E LITERATURA PORTUGUESAS
Iolanda Ogando: "A creación da biblioteca Pillado Mayor, mudanza fundamental"

Iolanda Ogando
03-10-2007
Iolanda Ogando (Ourense, 1974) é profesora de Lingua e Literatura Portuguesas na Universidade de Extremadura. Doutora en Filoloxía Galega pola
USC, escribiu diversos artigos de investigación sobre literatura galega e portuguesa, con especial atención ao teatro, e foi membro dos equipos que realizaron os dous últimos volumes do Dicionario da Literatura Galega. Por
Sonia Díaz Pereiro.
Fixo crítica teatral para a revista Tempos Novos e publicou o libro Teatro histórico: construción dramática e construción nacional, na Biblioteca-Arquivo Francisco Pillado Mayor.
Dende a túa experiencia como investigadora e como crítica, consideras que a saúde da literatura dramática en Galicia é tan feble como se di?
É verdade e non o é de todo. Dende sempre hai bastante voluntarismo co tema do teatro. Sempre houbo xente que estivo a traballar seguido neste eido e logo, dende o 1984, movéronse moito as cousas, co nacemento do Centro Dramático Galego e do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) en 1989. Dende entón, hai unha especie de promoción de certas publicacións, a través de subvencións e de axudas, que favoreceron que o teatro apareza na literatura galega actual de maneira máis clara e significativa.
Unha das críticas que se lle fan ao teatro galego actual é esa aparente dependencia das axudas públicas, que pode xogar en contra dunha estrutura creativa, empresarial ou mesmo social máis forte. Pero tamén grazas a esas subvencións hai moitísimos avances. Grazas, por exemplo, ao programa do IGAEM, ao circuíto teatral (con todos os defectos que puidese presentar), a premios, ao fomento da investigación teatral, á fundación na UDC dun arquivo teatral…, apareceron textos e espectáculos moi interesantes nas últimas décadas. Iso non quere dicir que sexa o diñeiro o que permite que esas publicacións ou espectáculos sexan bos. A xente que é realmente boa e ten un bo proxecto na cabeza ten máis posibilidades de desenvolvelo porque conta con axudas.
Noutras palabras, a práctica e a literatura dramática seguen xurdindo da xente que as fai, independentemente dos cartos que as pagan. Xorden de xente que de maneira voluntarista seguiu traballando co teatro, tanto en universidades como en compañías, en publicacións e en editoriais, de xente que se preocupou dende sempre de publicar e facer teatro. E iso non hai cartos que o pague.
E, obviando as publicacións especializadas e as axudas públicas, cal é o lugar que lle queda á crítica teatral nos medios de comunicación?
Nos medios galegos, a crítica teatral tivo sempre unha presenza e aceptación irregulares; ademais ten a grave falla de que, cando se publica a crítica, o espectáculo xa pasou. Porén, si que hai moitas veces crítica en publicacións como Tempos Novos, algúns xornais ou aínda en publicacións especializadas.
Que lugar dirías ti que ocupa a literatura dramática na industria editorial galega?
Creo que é un lugar cada vez maior, tanto naquelas que publicaron de maneira máis independente coma nas grandes editoras. Galaxia ou Xerais xa se decataron de que se estaba ampliando un campo que contaba cada vez con máis público interesado. Abríronse ou reabríronse coleccións que xa non teñen que ver necesariamente con obras premiadas ou representadas, coma antes. É especialmente evidente coa publicación de manuais e estudos sobre o teatro galego.
Que impacto cres que tivo a apertura da Escola de Arte Dramática na creación deste tipo de coleccións?
Evidentemente, os textos destas coleccións vanos utilizar moitos actores ou directores, pero tamén os alumnos da Escola e dos cursos de temática teatral que ofertan as universidades. Cada vez hai máis xente interesada tanto na investigación como na práctica teatral. Ao longo da década dos noventa vaise notando unha mudanza gradual. En 1989 fúndase o IGAEM, que promove coleccións. Prodúcense tamén mudanzas nas universidades, que dispoñen materias sobre o texto dramático e másters sobre artes escénicas que contan cun amplo seguimento. Son todos factores que se deben considerar, pero a posibilidade da creación da Escola contribuíu á extensión deste interese.
Cal dirías ti que é o fito máis importante para a nosa literatura dramática nos últimos tempos?
A creación da Biblioteca-Arquivo Francisco Pillado Mayor da Universidade da Coruña supón un cambio importantísimo no ámbito académico xa que conta con estudos moi interesantes e profundos. En principio, moito sobre teatro galego, pero tamén sobre teatro portugués, francés ou catalán. Sempre son edicións bilingües, o que se agradece moito. Isto implica que agora moitos profesores de teatro ou de literatura fixeron estes cursos ou dispoñen deste material e poden amosarllo ao alumnado.
Debemos ser, logo, positivos sobre o futuro da literatura dramática?
Non sei dicir… É posíbel que si, sobre todo contando con que agora os rapaces e rapazas poden acceder de maneira máis profunda e precisa á realidade teatral, hai moita xente que fai animación teatral nos colexios. Desde ese punto de vista, si que se ve a diferenza que marcan eses profesores que teñen acceso a máis información e materiais para falar de teatro.
Imprimir