Entrevistas

Xosé Neira Vilas

"A nosa literatura foi editada en América ao longo de vinte anos"

Xosé Neira Vilas Xosé Neira Vilas
20-12-2007
Xosé Neira Vilas (Gres, Val do Ulla, 1928) é escritor, miembro da Real Academia Galega, doutor honoris causa polas Universidades da Habana e da Coruña e un dos clásicos da nosa literatura, actividade que desenvolveu durante gran parte da súa vida na Arxentina e en Cuba.
Que entende vostede hoxe por literatura galega?
Obviamente a que está escrita na lingua galega. Non impotan en que país se publique ni cal sexa o tema. A acción dunha novela pode transcorrer por exemplo hai mil anos no Tíbet. Se está escrita en galego é literatura galega, á marxe da nacionalidade do autor ou autora. Textos de García Lorca ou Anne Marie Morris escritos no noso idioma son literatura galega, e non o son os dun nativo de Galicia que non utilice a lingua do país. Con isto non estou dicindo nada novo. É un principio universalmente válido.

Que pode dicirnos da narrativa galega da emigración e do exilio?
No ámbito da emigración galega asentada en países coma Cuba, Arxentina, México, produciuse moita literatura galega nos diferentes xéneros. Pero esas narracións, poesías e ensaios atópanse sobre todo na prensa. Houbo unha prensa galega totalmente en galego, e tamén biligüe, moi rica, en América, desde o último tercio do século XIX. En Cuba, por exemplo, catalogamos 71 publicacións periódicas. Abonda a creación literaria nesas publicacións. Inclúense textos indistintamente de autores radicados en Galicia e na diáspora.

Emigrantes e exiliados da Guerra Civil son case o mesmo. Sen embargo debemos matiza que ao exilio foron moitos intelectuais xa formados, con obra feita antes de írense para salvar a vida. Na Arxentina, por exemplo, onde houbo un importante labor cultural galego, emigrantes son Eduardo Blanco Amor, Emilio Pita, Avelino Díaz, Luís Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Ramón de Valenzuela, por citar só algúns, ademais dos que foron a outros países: Florencio Delgado Gurriarán, Luís Soto, Carlos Velo, Manuel Celso Garrido, Lois Tobío, e tantos máis.

Todos eles publicaron libros en países americanos.

Falamos de obras narrativas que teñan como tema a emigración ou o exilio?
Podemos citar algunhas. Por exemplo Estebo, novela de Xosé Lesta Meis, e máis acá Memoria dun emigrante, de Antón Risco, Contos das Américas de Xavier Alcalá, Chuvia e outras narracións, de Mousés de Presa, partes de Cousas e Retrincos de Castelao, algúns dos contos de Escola de menciñeiros de Cunqueiro. E se se me permite podo citar algúns libros meus: as novelas Camiño bretemoso e Remuíño de sombras e os libros de contos Historias de emigrantes, Tempo novo e Relatos mariñeiros.

En América publicouse A esmorga de Blanco Amor, Non agardarei por ninguén de Ramón de Valenzuela, as súas Memorias dun neno labrego...
Certo. E outros máis que poderían mencionarse. Pero a acción transcorre na Galicia territorial e non na emigración. En América publicáronse moitos libros en lingua galega, pero que raras veces tratan o tema da migratorio, da peripecia do emigrante. Sobre todo en Bos Aires, a partir de 1940, gracias ao labor de Luís Seoane e Arturo Cuadrado, creáronse editoriais como Galicia Nova, Botella al Mar, Emecé, Citania e outras que publicaron coleccións que levaban nomes como Hórreo, Dorna, Camiño de Santiago, Biblioteca Gallega, A herba de namorar, Idacio, Mestre Mateo, etc. En Bos Aires publicábanse as obras premiadas nos concursos anuais do Centro Galego daquela cidade, obras de creadores exiliados, libros que a censura franquista non permitía publicar en Galicia, e outros. Salvo excepcións, como a Editorial Galaxia de Vigo desde 1950 e algunhas outras de menor significación, podemos afirmar que a edición de libros galegos se levou a cabo, durante uns vinte anos, na capital arxentina.

Cre que en Galicia, hoxe país de acollida, existe agora unha narrativa que aborde este tema?
Ata onde eu coñezo, por agora non. Pero si ocorrerá, estou seguro. A nosa sociedade será cada vez máis cosmopolita e isto, naturalmente, será tema para os nosos narradores.

Imprimir

Lecturas temáticas:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |