Entrevistas

Xosé Luís Axeitos

"Entre Rosalía e Manuel Antonio hai unha ausencia compartida"

Xosé Luís Axeitos Xosé Luís Axeitos
11-01-2008
Xosé Luís Axeitos (Asados, Rianxo, 1945) é membro da Real Academia Galega, catedrático de Lingua e Literatura Española e especialista na obra de Manuel Antonio, Rafael Dieste ou Luís Seoane...
... así coma no exilio que seguiu á Guerra Civil española.

Cales diría que son os trazos fundamentais que se detectan na poesía que trata a emigración e o exilio?

Na poética da emigración o primeiro fito fundacional está en Rosalía e na súa capacidade para facer que se identificase a dor do país coas súas palabras, xa desde ese título, "As viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos".

Unha característica común é o sentimento de ausencia, relacionado inicialmente coa paisaxe, algo do que Rosalía é moi consciente e así inclúe elementos da natureza moi próximos á xente.

Está tamén a diferencia entre a emigración do XIX e o exilio no XX. O feito de que haxa condicionantes socioeconómicos ou sociopolíticos diferentes determina poéticas específicas, pero o sentimento de desterro é común.

Á hora de facer unha selección de poesía que se achegou a este tema, cales son os criterios que lle parecen máis relevantes?
Á parte dos textos fundacionais de Rosalía e Curros, pódese destacar tamén a presenza do tema da emigración posterior a Europa, xa no século XX, por exemplo en Álvarez Torneiro.

Por outro lado está o reflexo do exilio e aí xa temos un criterio diferenciador que é cronolóxico e social, porque a condición de exiliado defínese por un sentimento de ausencia de ida e volta, desde as dúas ribeiras.

Considera que o labor cultural realizado en Hispanoamérica é hoxe suficientemente coñecido?
Creo que circulan unha serie de imaxes que todo o mundo coñece pero que en profundidade non está suficientemente divulgada. A primeira emigración, do XIX, enténdese coma económia pero hai casos de natureza política. Alejandro Chao vaise por unha persecución política e funda o xornal La Oliva desde unha idea de construción dun país, e para colaborar nel fala con Murguía, o intelectual máis importante do momento. El crea La Propaganda Literaria e non é casual ques exa tamén o promotor de La Ilustración Gallega y Asturiana á súa volta.

Casto López ou Álvarez Insua desde El Eco de Galicia realizan un labor xornalístico tamén fundamental no proceso de toma de conciencia identitaria, así coma o activista Lugrís Freire.

Non é casualidade que bandeira, himno e escudo sexan os símbolos que alí se difunden porque fan falta; eles teñen a necesidade de contarlle ao mundo onde viven.

Como especialista na obra de Manuel Antonio, como explica a súa inclusión na antoloxía que realizou?
Rianxo foi nos anos 20 un lugar moi castigado pola emigración, no que non había ningunha casa sen alguén en América e Manuel Antonio era receptivo a todo isto. Xunto co seu primo Rogelio e con Rafael Dieste usaban ese 'sempre e mais despois' que dá título a un dos seus poemas para aludir a emigración. Aínda que a súa poética é complexa, moi persoal e rupturista, esa que tan ben compendia o poema 'Sós'. 'Sempre e mais despois' ten unha lectura máis fácil e narrativa. El está en Bos Aires despois de horas de navegación, recorre a Avenida de Mayo. E desde aquí soñaba con ir a América. Entre Rosalía e el está un arco poético de innovación pero unha temática da ausencia compartida.

Cre que a memoria emigrante ten algún reflexo na poesía que escriben as xeracións máis novas?
É sintomático que a partir de 1960, coa decadencia económica de América, o tema da emigración deixa de ter relevancia. Posteriormente dáse un achegamento de signo diferente, así o motivo das postais en Manuel Rivas, por exemplo. Pero non é moi fácil atopa elementos deste tipo dado que a ausencia cesou. Isto provoca que a orientación do fenómeno sexa hoxe de acollida e solidaridade.

Como ve as relacións culturais de Galicia con Latinoamérica nos últimos anos?
Mentres a dereita estivo no poder os vínculos foron redencionista e mesiánicos. Realizouse un achegamento de rescate que tivo erros e faltas de respecto ao non falar de ti a ti, algo que culturalmente é moi negativo.

Hai que pensar en como Seoane desde Galicia Emigrante, nos anos 50, falaba xa dunha política migratoria para as xeracións que non estiveran nunca en Galicia, na súa conciencia de estar creando un cordón umbilical. Non ten ningún sentido que intentemos manter uns lazos baseados exclusivamente no terreo político.

Imprimir

Lecturas temáticas:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |