Entrevistas

Manuel Lourenzo, Premio Nacional de Artes Escénicas

"O teatro precisa menos oficialidade e máis espazos alternativos"

02-06-2008

Manuel Lourenzo recibe este galardón polo seu labor polifacético como dramaturgo, que contribuíu a crear un teatro galego “maduro e independente”.

Leva máis de corenta anos entregado ao teatro en todos os seus eidos. Interveu na fundación de cinco compañías ata a actual Casahamlet. É autor dunha morea de pezas teatrais como Traxicomedia do vento de Tebas namorado dunha forca, Electra, Últimas faíscas de setembro, Veladas indecentes e Insomnes. Realizou un inxente labor de tradución, dende os clásicos Sófocles e Eurípides ata autores máis contemporáneos como Goethe, Fassbinder, Büchener e Heiner Müller. Bo coñecedor do teatro galego, levou a escena obras de Castelao, Cunqueiro, Otero Pedrayo, Euloxio R. Ruibal ou Xesús Pisón. Esta completa traxectoria reportoulle diversos premios, entre eles o Abrente, o Rafael Dieste, o Premio Nacional de Literatura Dramática do Estado, o Pedrón de Ouro e agora o Premio Nacional de Artes escénicas.

Comecemos pola pregunta de rigor, con que azos recibe este premio, tendo en conta que xa é Premio Nacional de Literatura Dramática Estatal?

Eu teño un premio estatal de literatura dramática e agora un nacional. Éncheme de orgullo, sobre todo porque apareza o adxectivo nacional ao lado dun premio, xa era tempo. A xente confunde os termos estado e nación, e non son o mesmo. Nós somos unha nación.

A xustificación do xurado apúntao como “o pai do teatro independente galego”.

Todos eses conceptos son subxectivos e agradezo a intención coa que están feitos, pero non podo aceptar esa paternidade. Simplemente estou orgulloso das cousas que fixen e do tempo no que as fixen.

Que opinión ten sobre a convocatoria e a súa formulación?

O primeiro que pensei cando escoitei a nova é que os fixeran para substituír aos premios Castelao, que abranguían unha serie de cousas que non tiñan moito sentido. Creo que é lexítimo facelos e igual de lexítimo é que haxa posturas críticas. Analizo como positivo algo que se chama nacional e que pretende representar a cultura do país.

Agora que xa se coñecen todos os premiados, que valoración fai da escolla xeral do xurado?

Coñezo a bastantes deles e todos son persoas representativas da súa área. O concedido a Margarita é incontestábel. Tamén o recoñecemento de Isaac Díaz Pardo, aínda que sexa a través do Laboratorio de Formas, polo seu labor de recuperación dunha industria histórica. Ningún deles é indigno, pero hai moitas persoas que merecen ser premiadas. Eu mesmo fun premiado moitas veces e outras non. Non hai que dramatizar sobre isto. Dicía Renau, que foi director xeral de Belas Artes e presidente do Consello do Teatro, que “o esencialismo é o mal do país”.

Outra pregunta obrigada. Imaxino que seguiu de preto a elaboración do Plan Galego de Artes Escénicas. Que lle parece o resultado no tocante aos obxectivos de partida?

Non se poderá analizar ata dentro dun par de anos ou tres. Está pensado para unha sociedade que non sei se é aínda a nosa. Galicia vive nunha precariedade sociocultural. Non hai público, non hai compañías municipais, nin compañías residentes en salas, non hai unha programación estable... Dificilmente se pode aplicar un plano que fala de conceptos como o de teatro de familia. Non son técnico e non conto coas metodoloxías precisas para analizalo, pero creo que confía demasiado en que somos un país normalizado. Aquí non estamos como en Francia, por citar un no que a situación é diferente.

Contribuirá realmente a independizar o sector nun camiño diferente ao das subvencións proteccionistas?

Todo está encamiñado a que o teatro dependa dos poderes público e económico. Por exemplo, a programación teatral da cidade da Coruña está realizada pola banca e o concello. O teatro precisa ser liberado. Protección si, pero proteccionismo ou colonialismo non. É difícil que o plan non leve a crear unha dependencia ou dous sectores de teatro, un protexido e outro non. En realidade o problema non é de teatro, senón de país. Hai certos sectores que odian a lingua e coartan o seu desenvolvemento, tamén no teatro.

Centrémonos agora na vertente literaria do teatro, a aparición de textos en galego vive un momento saudable?

Estamos vivindo un momento moi interesante. Nós temos a revista Casahamlet, na que reproducimos textos moi bos, breves por cuestión de espazo. O que precisa o teatro é menos oficialidade e máis espazos alternativos. Non me parece bo ter que ir sempre aos mesmos teatros. Hai que teatralizar espazos novos. Por que non utilizar, por exemplo, as igrexas.

E así achegarse ao público, non?

Iso é, ir a onde está o público. O espazo importa moito. É moi distinto o que se pode facer nunha igrexa románica, no metro dunha cidade ou nunha casa particular, coas súas distintas estancias. Eu teño unha proposta para facer na casa-museo de María Casares, que consiste nun monólogo sobre un texto de Fernán-Vello que fala dela. Interpretalo alí mentres a xente visita a casa. Ten máis sentido iso que ir a unha sala fría e poñerse diante do público, sen maior motivación.

Volvendo á literatura dramática, que autores galegos destacaría? Cales atopa próximos ao seu proxecto dramático?

Pois citaría a Euloxio Ruibal, a Xesús Pisón, a Gustavo Pernas e a Raúl Dans. Logo hai unha xeración nova de xente como Xacobo Paz, Eva Ferreira, Rubén Ruibal e moitos outros que lamento non lembrar agora, que están levando a cabo unha renovación do teatro e achegando linguaxes diferentes moi interesantes. Eu atópome próximo a todos os que cren na invención e na liberdade constante, aos que teñen afección pola vida e non están pensando continuamente na lápida.

Nos seus textos abondan as reflexións metateatrais, é preciso facer autocrítica?

É un mundo que coñezo máis ca calquera outro e divírteme incluílo nos textos. De aí obras como O circo da medianoite, que non se chegan a representar porque sería moi custoso. Inclúome a min mesmo como personaxe en certas obras, as miñas escuridades. Logo hai colegas que me din “hai que ver como pos a parir a este ou a aquel”, pero o que non saben e que neles me represento a min mesmo. Vivo no teatro todo o día e síntome reflectido nel.

Que temáticas lle interesa teatralizar hoxe en día?

Acabo de rematar A caída da casa Usher, de Edgar Allan Poe. Estou realizando un traballo sobre as derivas futuras do devir da sociedade actual, dos xeitos de vida en que isto pode rematar, que esperemos que non suceda así. Tamén estou escribindo un texto para o Centro Dramático Galego sobre un spa na Mariña Oriental, que quero que sexa crítico, pero sobre todo divertido. Publicarei en breve tamén un libro que contén tres obras. Publícoas de tres en tres porque teño un amigo editor.

Un último tema, vostede realizou numerosas traducións ao galego dos clásicos e dos dramaturgos alemáns, queda moito por facer neste eido?

Algo queda, pero avanzouse moito. Laiovento e Galaxia están traducindo tanto textos teóricos coma dramáticos. Mesmo hoxe estiven nunha librería buscando un par de textos e non só os atopei, senón que atopei outros que tamén me interesaron.


Imprimir

Autores relacionados:

Novas relacionadas:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |