Miguel Anxo Fernández presentou onte "Tres disparos e dous friames" e logo contounos un segredo, o seu detective anda por Galicia rematando unha aventura que se titulará "Lume de cobiza".
Deste autor carballinés coñecemos sobre todo a súa faceta cinéfila, como crítico na radio, na televisión e na prensa, amais de ensaísta con títulos como Carlos Velo. Cine e exilio, A Bela Otero, pioneira do cine e Rodado en Galicia. Precisamente no cinema sitúase o imaxinario que modela a súa temática e estilo narrativos. Na presentación de Tres disparos e dous friames (Galaxia), o último libro da bautizada como "triloxía americana" do detective Frank Soutelo, reivindicou a literatura de xénero, que como tal "é sinónimo de literatura popular". Evocou unha lembranza da nenez, a dos albaneis, "que traballaban a eito, paraban para comer e logo sacaban do peto a novela de vaqueiros, xa dobrada por onde quedaran o día anterior", exemplo de lectura de pracer.
Segundo o autor "quizais a novela policial sexa unha saída" para paliar a escaseza de lectores da literatura galega. Engadiu: "Din sempre que en época de crise a novela policial sobe, eu entendo que é certo, porque no momento en que se ve como alcaldes entran no caldeiro por corrupción, como por mor de determinadas lacras hai sectores da sociedade que pasan apuros, o lector busca saídas rápidas e un detective sempre chega antes que a policía e os xuíces". Do libro destacou que "ten humor, intriga e moito sexo peliculeiro". Recupera personaxes habituais como Benny, dono do Peirao, o restaurante onde Soutelo vai comer polbo á feira (Octopus galician style, en inglés), a secretaria Pat Pérez e Sugar Jones. No tocante a Frank Soutelo explicou que "non é en absoluto un bo tipo e como todos os detectives ten as súas arestas". Esas arestas inclúen mirar para outro lado nun asasinato cando sabe que o morto era "un verdadeiro cabrón". Con todo, aclarou: "ten preocupacións como a ecoloxía, a paz no mundo e non dispara moito". E para intrigar, malia o título do libro, soltou: "ao mellor dáse a casualidade de que nesta novela non dispara nin unha soa vez".
En que aventuras anda metido agora Frank Soutelo?
Agora anda por Galicia, aínda lle vive a súa avoa en Muros, que ten noventa e pico anos e vena visitar. Nesa visita ten un compromiso que o mete nunha liorta. A novela está practicamente terminada e vouche dar unha primicia, vaise chamar Lume de cobiza. Espero que estea lista para finais do ano que vén ou principios de 2010. E así comeza unha nova triloxía de Frank Soutelo, a galega.
O das dúas triloxías xa o cavilaras dende o principio?
Si, si, leva moitos anos pensado. A novela de Marilyn (refírese a Un nicho para Marilyn) publicouse no 2002, pero xa estaba escrita en 1997. E esta (Tres disparos e dous friames) debe ter catro ou cinco anos.
E nesa andaina galega de Frank Soutelo vaste atrever a inmiscilo nas tramas do audiovisual galego?
Unha delas vai estar ambientada no audiovisual galego. Despois van ser tramas moi pegadas á realidade social. Na primeira basicamente o que vou facer é unha trama de corrupción urbanística.
Mais agora toca falar de Tres disparos e dous friames.
Pois comeza dunha forma rara, na que fago unha homenaxe a Philip Marlowe e Rymond Chandler, empeza case como todas as súas novelas. Está o Soutelo aburrido na súa oficina e de súpeto entra unha actriz impresionante. El queda sorprendido e pregúntase como é que fai alí habendo outros detectives na cidade, tipos de boa planta e moi sofisticados. Aí comeza a trama porque hai unha especie de chantaxe por parte dun produtor cara a ela. Logo está a muller do produtor que é unha verdadeira víbora. Van aparecendo máis personaxes e a trama vaise enredando cada vez máis ata un desenlace sorprendente.
Estas historias caricaturizan o panorama de Hollywood, que grao de aproximación á realidade hai?
Moita porque afortunadamente o propio Hollywood ten capacidade para rirse de si mesmo. Xogas con arquetipos fáciles de entender para o lector. No primeiro capítulo da primeira novela Soutelo explica como xorde todo, por que fala galego, como a súa irmá é unha descastada no sentido de que non quere saber nada de Galicia nin do galego... A novela caricaturiza, pero é unha parodia, tampouco se pode tomar en serio. O que é o substrato si, a condición humana é a mesma, o que é cabrón é cabrón.
A elección do xénero literario da novela negra humorística, ten que ver cos teus gustos cinematográficos?
Nesa idade complicada, entre os 19 e os 23 anos, lin moitísimo, sobre todo novelas policiais de todos os clásicos norteamericanos e iso evidentemente queda. Gustábame o cine negro, pero como cinéfilo gústanme tamén outro tipo de xéneros, como o cine de aventuras, por iso fixen O sabre do francés, o meu primeiro libro.
E logo tes Capitol, última sesión, que é máis Cinema Paradiso, non?
É o libro co que máis a gusto estou e o que menos éxito tivo. Levei cines durante moito tempo, cunha empresa entre varios amigos, dous no Carballiño, un en Verín e outro en Lalín. Moitas desas vivencias que aparecen en Capitol son propias, fantasiadas a base de recordos, pero vividas. No caso da novela policial non, eu pistolas non manexo. Na mili disparei todo tipo de armas, mesmo desas que lanzan mísiles, pero porque estaba nun cuartel de intervención inmediata, pero a partir de entón non quixen saber nada de pistolas.
Só na literatura.
Evidentemente documéntome, teño un amigo policía ao que lle pregunto cousas e me informa.
Malia o ton humorístico da triloxía, hai certa nostalxia dunha época na que o cinema se vivía dun xeito diferente. Quizais a do Hollywood dos anos 40 e 50, dende Jonh Houston a Orson Welles?
Como cinéfilo creo que esa época é extraordinaria, pero se me preguntas como vivencia, para min a mellor época que tivo o cine norteamericano foron os anos setenta, moi boa para o thriller. Pero si, hai unha nostalxia. Soutelo é un cinéfilo. Neste caso concreto vai dúas ou tres veces ao cine. Agora gústalle moito Cormac MacCarthy, a adaptación dos irmáns Cohen da súa novela. A literatura negra é diferente porque efectivamente pertence a esa época, anos 40-50, anos 60 algunha, desde Ross MacDonald ata Jim Thompson, un montón de escritores extraordinarios.
Estiveches algunha vez en Los Ángeles? Semella unha viaxe fetiche para un cinéfilo.
Para un cinéfilo hai dúas cidades: Nova York, que cando vas alí dáche a sensación de que estiveches cincuenta veces, e Los Ángeles. Eu non estiven en Los Ángeles, pero no cinema si que coñezo a cidade, é máis, téñoa moi documentada. Hoxe ademais co Google Earth, se che interesa unha cidade, case a podes pasear rúa a rúa. En calquera caso a min a cidade non me interesa tanto. Los Ángeles só é o marco, só aparecen dúas ou tres rúas. A triloxía remítese máis á galeguidade do personaxe. A miña madriña vive en Nova York e é filla de galegos, ten practicamente a mesma idade que Frank Soutelo e moitas cousas xurdiron falando con ela.
Ou sexa, que reflictes o carácter da túa madriña?
Ela séntese galega, ten un acento norteamericano moi marcado, pero entende perfectamente o galego. Eu a Soutelo fágollo falar por curiosidade intelectual, porque o pai llo falaba e sempre lle dicía que non perdese as súas raíces. Xustamente para romper a liña habitual da literatura negra fixen un híbrido e trasladeino a Los Ángeles, porque alí é máis crible o que sucede, pero sempre dende a óptica dun detective galego.
Iso vai mudar na triloxía galega?
Vai ser ao revés, os modos de facer americanos e de resolver os casos vainos aplicar aquí, pero vai ser igualmente moi galego.
Eu pregúntome, sendo o teu universo profesional e mesmo vital o cinema, porque trasladas a túa imaxinación ao papel e non á pantalla?
Porque eu para isto (toca o seu libro) só preciso unha mesa, un ordenador e crear mundos. Facer unha produción é horroroso, eu suicidaríame. Prefiro deixar iso aí (volve tocar o libro) e que veña alguén e se quere que o faga. De feito a Asociación de Produtores propuxo Un nicho para Marilyn como un dos proxectos a desenvolver. Un dos atrancos que atopaban é que tería que facerse en Los Ángeles e iso complica todo aínda máis. Nese libro había alguén que quería roubar o corpo de Marilyn, aquí podía ser perfectamente o de Castelao. Non é un mito cinematográfico, pero é histórico e seguro que hai algún pirado que querería telo na súa casa (rise). Aínda que fose factible non o faría.