Dono da Libraría Cartabón en Vigo
Gonzalo Pérez
02-05-2006
Cal foi o primeiro libro galego que leches, e como?
Por recomendación dun profesor de lingua española: díxonos que había un libro moi bonito de Neira Vilas, Memorias de un niño campesino. O caso é que eu atopeino en galego, na libraría Castelao, que os vendía un pouco de tapadiño (estabamos no ano 1976) e así foi como atopei Memorias dun neno labrego.
E un libro que o marcase?
Non atopei aínda ningún que me marcase. Estará por vir...
Un libro que lle gustaría ver traducido en galego?
Non se me ocorre ningún. Considero que estamos nun momento álxido da tradución, e realmente non boto nada en falta.
Un libro fundamental para mocidade e infancia?
Non me atrevo a destacar ningún. Hai autores que producen moitos libros de literatura infantil e xuvenil ao ano, pero se cadra os hai que fan menos e son igual de bós... Non sei.
E o libro que meterá na maleta este verán?
Empecei Home sen nome, de Suso de Toro, esta fin de semana, despois de pasar pola Feira do Libro en Santiago. Penso que vai ser un éxito este verán.
Cal foi, dos libros que recomendou ou vendeu, o que máis lle gustou?
Coma antes, tampouco non me atrevo a destacar ningún. Gústame moito vender en galego, dende logo,
e particularmente a narrativa.
Imprimir