Le comigo

Escritora

María do Cebreiro

María do Cebreiro
09-12-2006
Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
Penso que foi A Marela Tarabela, de Xosé Neira Vilas. Lembro de marabilla a cuberta da marela moi marela e encabuxada. E tamén os trazos grosos, en rotulador vermello, dunha dedicatoria que nos fixera o autor a min e ao meu irmán. A verdade é que sigo reparando moito nesas pegadas, ocultas e non tan ocultas, dos libros. Ás veces lémbroas mellor que os argumentos.

E un libro que fose especialmente importante na túa vida?
O libro máis importante para min foi Rayuela, de Julio Cortázar. Houbo moitos, antes e despois, que me encantaron, pero ese tocoume de verdade. Tivo todas as trazas dunha iniciación.

Que libro che gustaría ler en galego?
A poesía completa de Maiakovski, pero penso que xa se está a traballar niso...

Cal pensas que podería ser un referente para a xente cativa e nova?
Non creo que, no substancial, deba diferenciarse a literatura infantil e xuvenil da literatura de adultos. O mellor é achegarse á lectura con curiosidade, e os cativos, na medida do posíbel, deberían gozar da autonomía de escoller.

Que libro pensas que ha de acompañar o teu nadal?
Calquera moi longo. O bo que teñen as vacacións é que permiten certos excesos.

Cal has de querer agasallar?
Cos agasallos non teño moito programa: vexo algo que me fai pensar en alguén e aló vou. Pasearei por algunha libraría e confiarei no meu instinto. O instinto, por certo, dime que debo ir á procura de dz ou o libro do esperma, de Samuel Solleiro.

Dos teus libros, con cal o pasaches mellor ao escribírelo?
Paseino moi ben escribindo o último, Os Hemisferios. Pasábame unha cousa curiosa: víñanme imaxes, máis que palabras, que debía ir construíndo aos poucos sobre a páxina. E para concentrarme ás veces tiña mesmo que pechar os ollos, como cando se escoita algunha música ou cando nos esforzamos para lembrar un soño. Foi un proceso de escrita que descoñecía até entón, e o que máis me gusta de escribir é ir aprendendo a facelo en cada libro.

Imprimir

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |