Empresario en artes gráficas
Víctor Ferreira
Víctor Ferreira
08-12-2006
Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
Non recordo ben se foi Follas Novas de Rosalía, por mandato expreso dun profesor do Instituto Concepción Arenal de Ferrol onde estudei bacharelato, ou Vento Mareiro de Ramón Cabanillas, recomendado por un daquela activista político e aínda hoxe en día bo amigo de Mugardos, vila onde nacín.
E un libro que fose especialmente importante na túa vida?
Teño especiais recordos, na miña adolescencia, da lectura de poemas de Pablo Neruda, Federico García Lorca e Uxío Novoneyra.
Que libro che gustaría ler en galego?
El mundo es ancho y ajeno de Ciro Alegría.
Cal pensas que podería ser un referente para a xente cativa e nova?
Supoño que ningún en especial. Gustaríame que a xente nova, como as miñas dúas fillas Alba e Noa, sentisen o que eu sentín saboreando os poemas de Cabanillas, Rosalía, Neruda, Lorca, Uxío Novoneyra...
Que libro pensas que ha de acompañar o teu nadal?
Home sen nome de Suso de Toro.
Cal has de querer agasallar?
Depende da idade. Aos reis magos téñolles encargado para os máis pequenos A Oca de Leonardo de Ramón Loureiro, con ilustracións de Xaquín Marín, un libro primorosamente editado por Biblos. Para os maiores o mesmo de Suso de Toro ou a traducción ao galego de Brooklyn Follies de Paul Auster.
De entre os libros que se imprimiron na túa empresa, escollerías algún que lembres especialmente?
Foron moitos os libros impresos en Litonor que me fixeron sentir moi fachendoso da miña profesión de impresor, pero gardo un especial recordo de Cartografía de Galicia (ss. XVI ao XIX). Colección Puertas - Mosquera, editado pola Universidade de Santiago e Caixanova, e que foi premiado no ano 2001 polo Ministerio de Educación e Cultura como o libro mellor editado.
Imprimir