Le comigo

Directora de 'Extrarradio' na RG

Belén Regueira

Belén Regueira
09-10-2007
Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
Unha primeira vez tardía, escolar e xeracional: Das cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín.

E un libro que fose especialmente importante na túa vida?
O primeiro ao que lle dixen que non, he he. Cando tiña nove ou dez anos alguén me regalou Cuentos de la Alhambra, de Washington Irvin, nonseicantos centos de páxinas, con tapas rosas duras, da Editorial Bruguera. Non puiden con el, nin volvín atreverme.

Que libro che gustaría ler en galego?
Por exemplo, Awopbopaloobopalopbamboom, de Nick Cohn.

Cal pensas que pode ser un referente para a xente máis nova?
Verne e Salgari forever. Despois, os referentes, de cumpriren, ten que buscalos cadaquén. Algúns dos que me acompañaron a min na adolescencia foron Luísa Castro (Baleas e baleas, Los versos del eunuco), Boris Vian (A escuma dos días está traducida ao galego) ou Manuel Antonio, de quen non souben até que cheguei a COU.

Que libro pensas que ha de acompañar o teu nadal?
dz ou o libro do esperma de Samuel Solleiro e Os hemisferios, de María do Cebreiro.

Cal has de querer agasallar?
Depende da persoa, claro, pero un que pode valer para moitos casos: Feísmo? Destruír un país (Difusora) que, entre outros méritos, é un libro bonito.

Dos libros que tiveron presenza no Extrarradio, escollerías algún?
Xa se ve no cuestionario que teño un déficit importante en banda deseñada, así que El circo del desaliento (Editorial Astiberri), o primeiro álbum do ourensán David Rubín, que por certo este mes edita xa o segundo.

Imprimir

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |