Profesora de Dereito Administrativo
Alba Nogueira López
Alba Nogueira López
04-05-2007
Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
Non me lembro, seguramente algún conto mercado en Portugal nalgunha viaxe de cativa cos meus pais. Despois, aos dez anos, houbo un período en que coñecer a vida e a poesía de Rosalía para un traballo escolar fora un achado.
E un libro que fose especialmente importante na túa vida?
O Diario de Ana Frank tamén aos dez ou once anos deixoume moi impresionada. Cien años de soledad tamén foi un libro que me gustou moito.
Que libro che gustaría ler en galego? Algún relacionado co teu ámbito profesional?
As Memorias de Adriano de Marguerite Youcenar. No meu ámbito profesional a verdade é que o habitual é ler en varias linguas polo que boto en falla, mais que a tradución de libros concretos, un labor de tradución de textos lexislativos.
Cal pensas que podería ser un referente para a xente cativa e nova?
Case calquera das editoriais Kalandraka e OQO, tanto polas historias como polas ilustracións (Cando Martiño tivo gañas de mexar na Noite de Reis, Contos de ratiños, A bruxa regañadentes, O Papón). Tamén A memoria das árbores de X. A. Neira Cruz, Sete casas, sete bruxas e un ovo de Gloria Sánchez. Para máis grandes os de Agustín Fernández Paz, os clásicos de aventuras de Verne, Stevenson. Gústalles desde moi pequenos a poesía de Rosalía de Castro.
Que libro pensas que ha de acompañar a túa primavera?
Vou comezar Elegía de Philip Roth e estou lendo o último de Paul Auster Viaxes no scriptorium na tradución ao galego de Eva Almazán.
Cal mercarías para o Día das Letras?
Merco con frecuencia para agasallar Con pólvora e magnolias de Ferrín. Teño ganas de ler Os hemisferios de María do Cebreiro.
Imprimir