Biblioteca Fundación Caixa Galicia
Beatriz Prado Seoane
Beatriz Prado Seoane
01-10-2007
Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
Supoño que na escola: Rosalía, Neira Vilas. No instituto veu Pedrayo, Cunqueiro, Castelao. Desta época gardo un título na memoria: Origem certa do farol de Alejandria.
E un libro que fose especialmente importante na túa vida?
De catro a catro de Manuel Antonio, que confirmou definitivamente a forza da poesía que logra emocionar máis alá de espazo e tempo.
Que libro che gustaría ler en galego? Algún do teu ámbito profesional?
Boto en falta máis textos teatrais, máis propostas escénicas para traballar cos nenos...
Cal pensas que pode ser un referente para a xente cativa e nova?
Para os máis cativos destacaría a Gloria Sánchez e Teijeiro. Para a xente nova estaría Casalderrey, Docampo, Fernández Paz, Marilar Aleixandre, Vázquez Freire...
Que libro pensas que ha de acompañar o teu outono?
Seguramente algún de Teresa Moure. Nas miñas lecturas hai moito de espontaneidade: ir á libraría e acabar levando un título distinto.
Hai algunha bibioteca que fose especialmente importante na túa formación como lectora?
Na miña casa había afección á lectura, así que direi a familiar. Na biblioteca do barrio collía libros, pero non me gustaba estar alí. Logo tamén a do instituto.
Algún descubrimento que quererías incorporar aos andeis da Biblioteca Fundación Caixa Galicia?
Temos acceso a novidades constantemente, nas nosas visitas ás librarías, en catálogos... Procuramos estar ao tanto do maior número de novidades posíbeis.
Imprimir