Diego Ameixeiras
Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
Debeu ser con dez anos, unha tradución d'A illa do tesouro na colección Xabarín de Xerais.
E un libro que fose especialmente importante na túa vida?
A Esmorga de Blanco Amor. Por moitas razóns, ocorre na miña cidade e mudou a miña idea de que a literatura era algo que sucede lonxe. Debino ler con once ou doce anos e estaba a Alameda e a Praza Maior, unha lingua que era a da miña casa, e a compoñente tráxica. Todo iso converteuna para min na novela máis importante.
Que libro che gustaría ler en galego?
Algunha de James Ellroy, por exemplo A dalia negra.
Cal pensas que podería ser un referente para a xente cativa e nova?
Por seguir con Blanco Amor penso que os relatos d'Os Biosbardos son accesíbeis.
Que libro pensas que te ha acompañar esta primavera?
Teño gana de ler a última novela de Bieito Iglesias, Pan e coitelo.
Algún como agasallo para o Día das Letras?
Tamén o libro de Bieito e senón algo de Álvarez Blázquez por contribuír á homenaxe. De feito regalaríame eu mesmo un libro do autor deste ano do que aínda pouco vin.
Fálanos da túa experiencia no Club de lectura de Pontevedra con Tres segundos de memoria.
Estiven na modalidade presencial e tamén no chat. A xente que asiste e coa que falas leu o libro a ás veces un fai entrevistas en que non houbo este tempo. Teñen opinión e queren contala, e aprendín diso, porque non teñen reparos, din directamente o que pensan. Axuda a ver as limitacións e é algo moi de agradecer ese contacto directo.